Skip to main content
Vilalba

Vilalba terá infraestruturas ambientais, sociais e dixitais no casco urbano

Por 10 Agosto, 2022Sin comentarios

O goberno local solicitou para esta actuación unha subvención de 500.000 euros ao Ministerio para a Transición Ecolóxica.

 O Concello de Vilalba ten listo un innovador proxecto de infraestruturas ambientais, sociais e dixitais coa inclusión de conxuntos arbóreos e zonas verdes en varias rúas do casco urbano, facilitando ademais a accesibilidade das persoas con mobilidade reducida.

O Concello solicitou para acometer a actuación unha subvención de 500.000 euros ao Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico. Esta achega permitiría afrontar o 100% do investimento necesario na actuación.

Para a realización do proxecto e a solicitude da subvención, foi fundamental que o concello tivese un Plan de Mobilidade e forme parte do Paces (Plan de Acción polo Clima e a Enerxía Sostible).

En concreto, a actuación acometeríase na rúa de Galicia e a súa continuación na rúa Cidade de Lugo; avenida Terra Chá; rúa da Feira; rúa Campo da Ponte; rúa Muras e a súa continuación coa avenida de Cospeito; rúa Castelao e Camiño Campo Redondo, ata o cruzamento co camiño das Rodas. 

Trátase dun proxecto innovador, dotando de arboredo, espazos permeables e zonas de descanso e calidade ambiental aos veciños de Vilalba. Paralelamente, a actuación melloraría a infiltración de pluviais; a resiliencia fronte ao cambio climático; as capacidades de captación de carbono; a xestión das aguas pluviais, e o conxunto da calidade urbana de Vilalba.

No caso de realizarse a actuación, a xestión das novas plantacións xerará postos de traballo e un know-how dixital e específico de gran potencial, en especial pola incorporación de Sistemas de Drenaxe Urbano Sostible (SUDs) e as técnicas GIS para o inventariado e xestión das novas zonas instaladas.

Por outra parte, o cambio na xestión das aguas pluviais reduciría a necesidade de xestión e tratamento, co consecuente aforro económico.

“O proxecto aumenta a comodidade dos peóns e dos usuarios dos aparcadoiros; as zonas verdes, ademais da colocación de arboredo que permite áreas de sombra e a redución da contaminación, incorporan unha zona de estar que mellora a accesibilidade das beirarrúas, permitindo o descanso das persoas con mobilidade reducida e a convivencia entre os habitantes”, explica Luis Fernández, concelleiro de Infraestruturas de Vilalba.

Establecéronse varios tipos de zonas segundo a situación actual das redes de instalación, xa sexa coa incorporación do arboredo enrasado coa beirarrúa actual; zonas nas que a existencia do paso de máis dunha rede restrinxe a incorporación de parterres enrasados, e zonas nas que haberá parterres elevados, que permiten árbores en altura.

O proxecto afecta a un ámbito dun total de 87.000 m2 de viario urbano, nos que se dispoñerán un total de 118 conxuntos arbóreos.