Skip to main content
Vilalba

Irmandades do Falo gañou o Concurso de Música de San Ramón

Por 21 Agosto, 2022Agosto 22nd, 2022Sin comentarios

O grupo Irmandades do Falo, cunha proposta cun toque humorístico, foi o gañador do I Concurso de Música Local celebrado na praza da Constitución vilalbesa trala actuación de nove agrupacións. A iniciativa, impulsada dende a concellería de Cultura, busca apoiar as propostas musicais do municipio, divulgando e dando a coñecer os seus traballos, ademais de premiar a súa creatividade e innovación.

Esa noite, o xurado decidiu o grupo ou artista gañador, que recibirá un premio de 1.000 euros, ademais da oportunidade de gravar en estudo a súa peza musical e un videoclip. O segundo clasificado, Corredires da Sombra, cunha peza baseada nun poema de Agustín Fernández Paz, recibirá un premio de 500 euros.

Os finalistas, ademais dos dous gañadores foron Lambe Lambe, cunha mestura de rumba e muiñeira; a Banda de Gaitas Mato Vizoso, coa Xota de Vilalba; e Crzy, cunha proposta de música urbana; o Dúo Estrellas, cun tema dance en galego; Irmandades do Falo; Oxygeno, cun tema encadrado na música ambient; Roberto Gayoso, cunha canción de rock clásico; e Tapioca Pudding, enmarcado no lo-fi.

O xurado estivo formado varios profesionais vencellados ao mundo musical, como Dani Veiga, músico vilalbés que actualmente ocupa o cargo de director da Asociación Cultural Banda de Música de Vilalba, entre outras responsabilidades no mundo musical.

Tamén integrou o xurado Marcos Maoxu Quintela, licenciado en musicoloxía, pianista, profesor no IES Basanta Silva e músico en distintos proxectos dende os anos 80, e Isabel Vilaseco Falcón, do equipo de Culturactiva (distribuidora de música e escénicas) e especialista en produción e distribución musical cunha ampla experiencia de máis de 20 anos no sector cultural.

HOMENAXE A CONCHA DA REINA

O sábado no parque fronte á escola infantil, na intersección entre as rúas da Emigración e de Ribadeo, inaugurouse a escultura en memoria de Concepción Braña Rey, máis coñecida como Concha da Reina, primeira comadroa titulada da bisbarra e piar esencial de vida para moitas familias de Vilalba.

Concepción Braña foi unha das chairegas máis importantes da historia de Vilalba. Nada no ano 1900 e finada no 1986, axudou a que miles de nenos de Vilalba visen a luz cando non había todas as facilidades de hoxe en día.

Foron moitos os persoeiros que resaltaron a súa figura “como unha muller dedicada e entregada a outras mulleres e ás súas crianzas nun momento tan especial como o nacemento, incluso chegando a denominala como o anxo da garda das mulleres”, comentan desde o Concello.