Skip to main content
Vilalba

“As festas son o momento ideal para o reencontro das familias e amizades”

Por 28 Agosto, 2022Agosto 29th, 2022Sin comentarios

Entrevista a Elba Veleiro, alcaldesa de Vilalba.

Recuperamos as festas tradicionais e sen restricións. Que supón para Vilalba esta volta á normalidade?

Todos temos unha gran ilusión por celebrar as festas patronais como antes da pandemia, sen restricións. As festas son o momento ideal para o reencontro e reunión das familias e amizades.

O ano pasado o Concello fixo un gran esforzo para organizar as festas de San Ramón pero adaptadas á normativa sanitaria vixente polo que este ano será dobremente desfrutado pola veciñanza.

O Concello convértese en organizador das festas tras anos con comisión. Como e por qué se toma esta decisión?

Desde o grupo socialista, xa estando na oposición,  manifestamos que as festas patronais en Vilalba debían ser organizadas polo Concello como parte importante da área de Cultura. Co agradecemento a todas as persoas que o longo dos anos formaron parte das comisións de festas o grupo de goberno xa o ano pasado, coas restriccións obrigadas, organizou as festas tendo unha moi favorable acollida por parte de veciñanza e visitantes. Este ano, xa recuperada a normalidade, cun amplo programa para todos os gustos e para todas as idades, esperemos que vilalbesas e vilalbeses desfruten cada día e sintan a  ledicia e o orgullo das súas festas.

Cales son os aspectos máis destacados do programa deste ano?

Destacaría o conxunto do amplo programa e a recuperación da Xira dos Maiores que este ano o Concello quere que sexa unha homenaxe a un colectivo que o pasou especialmente mal durante a pandemia e que merece este recoñecemento por parte da sociedade vilalbesa. Esperamos unha gran asistencia. Como mostra de cariño deica os nosos maiores  a comida dese día na Madalena será gratuíta para as persoas maiores de 65 anos censadas en Vilalba.

As festas son un eixo importante. Que lle aportan a Vilalba?

Aportan moito. En primeiro lugar no campo emocional aportan ledicia, ilusión e satisfacción por volver reencontrarse as familias, as amizades.. nada mellor que xuntarse nunha comida ou quedar para a sesión vermú ou a verbena, para un concerto ou unha actividade para toda a familia.

Tamén supoñen un importante revulsivo económico para o comercio, a hostalaría e diversos negocios locais. As festas son unha excelente ferramenta de promoción do Turismo porque á celebración propia dos vilalbeses súmase a de numerosos visitantes que acuden atraídos pola sona que sen dúbida teñen as Festas de San Ramón e Santa María non só na comarca da Terra Chá senón en toda Galicia e comunidades veciñas. Esta tamén é unha razón para que o Concello faga un gran esforzo para ofrecer un amplo abano de actuacións no programa, para atraer visitantes de diferentes perfís.

Parece que cada ano (agás na covid, loxicamente) téntase dar máis amplitude ao programa.

Como xa comentei desde o Concello tratamos de dar a máxima amplitude ó programa para chegar a todos os públicos, de todas as idades, con diferentes preferencias para dar satisfacción á maioría (a todos é imposible …) e para atraer a visitantes que nos coñezan, que desfruten do noso patrimonio natural, cultural, gastronómico e queden namorados da nosa vila e repitan visita noutras ocasións.

Como xa comentei desde o Concello tratamos de dar a máxima amplitude ó programa para chegar a todos os públicos, de todas as idades, con diferentes preferencias para dar satisfacción á maioría

Están en desenvolvemento ou para iniciarse proxectos que contribuirán de forma  importante á promoción do territorio.

Que vai atopar diferente o visitante que volve a Vilalba este verán polas festas?

Vai atopar cambios urbanísticos que indican a liña na que traballa o Concello desde o primeiro día. Rúas e espazos públicos accesibles, inclusivos, sostibles, aplicando medidas de eficiencia e aforro enerxético e sempre priorizando o servizo ás persoas sen esquecer a inevitable atención á circulación de vehículos. Vai atopar un concepto actual de estética nas vilas e cidades. Claro exemplo son os fermosos muráis pintados en diversos puntos da vila todos eles dignos de admiración. Algúns dos seus autores con recoñecemento a nivel mundial.

Están en desenvolvemento ou para iniciarse proxectos que contribuirán de forma  importante á promoción do territorio.

A programación cultural e deportiva tratamos de que sexa integradora no máis amplo senso da palabra. A cultura e o deporte son dereitos para todos por iso ó longo do ano e, por suposto nas festas patronais, queremos que o programa inclúa  o máximo de perfís posibles.

Permanentemente temos presente a necesidade de potenciar “o noso” , de incrementar a presenza é o recoñecemento á muller, clave no desenvolvemento de calquera sociedade.

Tamén implementamos numerosas medidas que favorezan a vida no rural.

De que proxecto se sinten máis orgullosos?

En realidade é o conxunto de actuacións o que nos fai sentir maior orgullo porque, tendo en conta a situación de pandemia que nos afectou de forma inesperada e impensable nos últimos dous anos, cando a lexislatura tiña que desenvolver a groso dos proxectos e nos vimos obrigados a todo tipo de restricións, honestamente creo que estamos a facer un importante esforzo para atender ás necesidades da veciñanza e ir avanzando en proxectos de presente e de futuro.

Que quedaría por facer de cara a este ano?

A día de hoxe están en marcha proxectos moi importantes que esperemos rematen neste ano ou nos primeiros meses do 2023. Entre os que consideramos máis representativos está a realización das obras do tanque de tormentas a carón da depuradora para paliar as consecuencias dos aluvións de auga que, en ocasións, sobrepasan a capacidade da propia depuradora e repercuten de forma negativa sobre o rio Madalena. Van avanzando tamén con fluidez as obras do novo parque acuático, que será un atractivo máis para o noso Concello. Iniciaranse nestes días as obras que levarán o abastecemento de auga a varios barrios da parroquia de Santaballa. Un servizo moi importante.

Despois das festas iniciarase a obra da rúa da Pravia, necesaria  para dar solución á problemática das  canalizacións da auga e outros servizos. Dotala de alumeado eficiente e sostible e convertila nunha rúa totalmente accesible, que sexa un lugar de encontro e un atractivo máis para a nosa vila.

Acábase de aprobar un suplemento de crédito de máis de 800.000 euros para obras en vías do rural. É fundamental o mantemento e mellora das vías de comunicación pero hai que facelo paulatinamente, é imposible todo ó mesmo tempo.

Que necesidades ten o Concello a día de hoxe?

Si algo aprendimos coa aparición da pandemia é da crise posterior que estamos padecendo é que, ás veces, a realidade do presente obriga a adiar por un tempo certos proxectos por moito que un quera sacalos adiante o máis axiña posible. Agora estamos centrados en sacar adiante todos os que están en marcha ou os que se porán en próximas datas.

Tamén estamos centrados en regularizar servizos sacando a licitación os correspondentes contratos e en poñer á venda parcelas do polígono industrial para a instalación de empresas e creación de postos de traballo.

Así mesmo, traballamos en activar o gran potencial do Turismo con proxectos como  actuacións sobre o Camiño Norte que atravesa o concello. Sempre estamos pendentes da atención  ás necesidades da veciñanza, especialmente nos servicios sociais… O Concello de Vilalba ten uns magníficos servizos sociais cun SAF con máis de 300 usuarios que son moitos máis dos que atenden concellos de igual ou maior entidade. Seguimos impulsando a Escola Infantil Municipal para dar atención a nenos de 0 a 3 anos que non teñen cabida na Gardería da Xunta. Está en marcha o Servizo de Atención Temperá para pequenos ata 6 anos que precisan este Servizo e que se vai aumentar o número de horas para atender á crecente demanda. O Concello, para facilitar a conciliación familiar, presta  servizos como o de Madrugadores nos colexios do casco urbano ou o de comedor na Escola de Educación Infantil.

Cales serían as características e a definición deste concello?

Definiríao como un concello activo, dinámico que camiña cara a un futuro de progreso e modernización. Un Concello pensado para as persoas e as familias para que se sintan apoiadas e atendidas as súas necesidades, tanto se viven no casco urbano ou no rural. Un concello vivo que mira ó futuro con determinación para, cada día, avanzar na procura da convivencia nunha sociedade máis xusta, equitativa, sostible, respectuosa co Medio Ambiente e igualitaria.

Un desexo para este ano…

Felices Festas de San Ramón e Santa María para todos os vilalbeses e para os visitantes que nos queiran acompañar.