Skip to main content
Vilalba

As grandes citas musicais do programa de San Ramón

Por 26 Agosto, 2022Agosto 27th, 2022Sin comentarios

Trala anulación do concerto de Beret, dentro do ciclo do Xacobeo, serán as Tanxugueiras as que abrirán o apartado de concertos o martes 30 de agosto, véspera do día de San Ramón, ás 23.00 horas no Campo da Feira. Sabela Maneiro, Aida Tarrío e Olaia Maneiro son Tanxugueiras, tres cantareiras para unha nova década. Só elas son capaces de reinterpretar os sons dunha tradición milenaria fusionándoa con ritmos urbanos, máis próximos ao trap ou á electrónica.

O trío recolle o legado das pandeireteiras, as mulleres que traballaron por manter viva a música tradicional galega, para revisionalo e lanzarllo de novo ao mundo nunha explosión de modernidade, contando cun estilo épico e unha forza ancestral que xa as fixo triunfar en escenarios de varios países. Aválanas éxitos como Midas, Figa, Averno (colaboración con Rayden) ou Terra, tema co que se alzaron como as favoritas do público no Benidorm Fest. Todo formará parte do seu novo disco, que verá a luz neste 2022 e co que presentarán un potentísimo show.

O público vilalbés deixou claro que tiña gañas de ver a Manu Chao xa que as entradas esgotáronse ás poucas horas de poñerse á venda e tras facer a compra a longa lista de vilalbeses que se pasou pola taquilla.

Manu Chao actuará en acústico o próximo 2 de setembro ás 22:30 horas na praza de Santa María. Fillo do escritor vilalbés Ramón Chao, era un dos concertos máis demandados polos vilalbeses dende hai tempo, pero finalmente serán uns 2.000 os que poderán presenciar finalmente o concerto debido a que este se celebrará con aforo limitado na praza de Santa María.

A actuación de Chao forma parte dunha xira con formato acústico na que está acompañado polo músico Lucky Salvadori (guitarra) e Miguel Rumbao (percusión).

A música tradicional tamén terá o seu lugar nos grandes concertos da man de Treixadura o 4 de setembro ás 22.00 horas na praza da Constitución.

Son sinónimo de música tradicional, ritmos, cantos e instrumentos galegos que encaixan tanto nas romarías máis populares como nas festas e eventos urbanos, co obxectivo de que o público goce bailando, cantando e escoitando a música dos seus 15 compoñentes que, provindo de propostas musicais variadas, teñen en común o gusto e o respecto polo tradicional.

O sadense Dj Frisco e o lucense Marcos Peón actuarán o martes 30 de agosto ás 00.30 horas no Campo da Feira.

Levan 20 anos pinchando música nas mellores pistas de baile do país e levando os seus enérxicos sets a países como Marrocos, Colombia, Finlandia, Tailandia ou Suíza.

Na actualidade continúan traballando xuntos para varios proxectos como novos singles e remesturas.

A Banda de Música de Vilalba porá tamén a nota tradicional das festas o  mércores 31 de agosto ás 20.00 horas na praza da Constitución.

Son unha agrupación musical constituída no ano 1991. Despois de décadas sen unha banda no municipio no ano 1987 créase unha escola de música na vila da que uns anos máis tarde xurdiría a banda. Foron varios os directores que levaron a batuta durante os máis de 25 anos que a banda estivo tocando. O primeiro foi Xosé Guntín Currás quen estivo á fronte da banda durante dous anos. En 1993 colleu a batuta Xosé Rodríguez Ramos e desde 1995 diríxea César Concheiro Guerrico, mestre de frauta no Conservatorio Superior de Música da Coruña.