Skip to main content
Vilalba

As festas de Vilalba continúan co pregón, o certame literario e o concerto de Tanxugueiras

Por 29 Agosto, 2022Sin comentarios

Este martes 30 de agosto, véspera do patrón, será un dos días máis importante das celebración vilalbesa, xa que se realizará o pregón a cargo de Benita Martínez, matroa do centro de saúde, xusto antes da celebración do XLVIII Certame Literario, ás 19 horas no Auditorio Municipal. Esa mesma xornada, Tanxugueiras actuará en Vilalba, cunha sesión posterior dos Dj Friso & Marcos Peón.

A matrona Benita Martínez García será a pregoeira das festas de San Ramón e Santa María 2022. Benita, coñecida por todos como Beni, traballa en Vilalba dende hai 15 anos como matrona no centro de saúde do municipio. Nel, esta enfermeira atende a mulleres de seis municipios (Abadín, Cospeito, Guitiriz, Muras, Xermade e Vilalba). Esta profesional supón polo tanto un referente na saúde feminina e na saúde sexual, cunha longa traxectoria nestes eidos.

O seu traballo como matrona comeza na adolescencia, pasando pola anticoncepción, embarazos, lactancia, atención ao recén nacido, entre outras etapas. Pero o seu labor continúa ata despois da menopausa, con pacientes que mesmo superan os 90 anos.

A alcaldesa de Vilalba, Elba Veleiro, anunciou a elección do concello como “un paso adiante na visibilización das mulleres que desempeñan profesións moitas veces pouco recoñecidas pero moi importantes, vitais, como é o caso de Beni, unha profesional comprometida co seu oficio, pola que pasaron moitas mulleres e familias deste pobo e á que lle temos moito que agradecer”

Tamén a través da súa figura “facemos un recoñecemento público a todo o sector sanitario que vén de pasar unha época moi dura por mor da pandemia da Covid-19”.

Beni defenderá o seu pregón o día 30,  martes, a partir das 19.00 horas.

CERTAME LITERARIO

Outra das citas imprescindibles da xornada será a entrega do premio de Poesía do Certame Literario do Concello de Vilalba, que terá lugar novamente no acto central das festas este martes, a partir das 19.00 horas, trala lectura do pregón a cargo de Benita Martínez García.

O XLVIII Certame Literario foi para Jesusa Camaño Giráldez coa súa obra As feridas dun amor efémero como preámbulo desta morte soñada.

Trátase dunha convocatoria que cada ano continúa mantendo unha alta participación e, polo tanto, posicionándose como un dos galardóns de referencia da literatura galega na que este ano é a 48ª edición.

O Concello de Vilalba contabilizou un total de 99 traballos, dos cales cumpriron coas bases do concurso e aceptáronse 92.  O Certame Literario de Vilalba é un premio de poesía en galego con case 50 anos de historia, cuxa entrega celébrase tradicionalmente durante as festas de agosto, nun dos actos máis destacados do programa.

O premio, está dotado con 7.000 euros en metálico e a publicación da obra premiada para o mellor poemario inédito escrito en lingua galega.

Jesusa Camaño é licenciada en filoloxía hispánica pola Universidade de Santiago de Compostela e ademais obtivo o CELGA 5, máximo nivel do certificado en lingua galega. A escritora traballou en distintos centros educativos como profesora de Lingua e Literatura Galegas.

Alén da súa profesión, sempre lle gustou escribir, polo que xa publicou varios artigos e participou en diversos certames. Ademais, comisionou exposicións literarias co apoio da USC.

MÚSICA

A xornada pecharase coa actuación de Tanxugueiras e DJ Frisco & Marcos Peón, as primeiras ás 23.00 horas, e despois ás 0.30 horas. Ambos os dous serán no campo da festa.

Sabela Maneiro, Aida Tarrío e Olaia Maneiro son Tanxugueiras, tres cantareiras para unha nova década. Só elas son capaces de reinterpretar os sons dunha tradición milenaria fusionándoa con ritmos urbanos, máis próximos ao trap ou á electrónica.

O trío recolle o legado das pandeireteiras, as mulleres que traballaron por manter viva a música tradicional galega, para revisionalo e lanzarllo de novo ao mundo nunha explosión de modernidade, contando cun estilo épico e unha forza ancestral que xa as fixo triunfar en escenarios de varios países. Aválanas éxitos como Midas, Figa, Averno (colaboración con Rayden) ou Terra, tema co que se alzaron como as favoritas do público no Benidorm Fest. Todo formará parte do seu novo disco, que verá a luz neste 2022 e co que presentarán un potentísimo show.

O sadense Dj Frisco e o lucense Marcos Peón levan 20 anos pinchando música nas mellores pistas de baile do país e levando os seus enérxicos sets a países como Marrocos, Colombia, Finlandia, Tailandia ou Suíza.

Na actualidade continúan traballando xuntos para varios proxectos como novos singles e remesturas.