Skip to main content
Comarca AMARIÑAXA

A Deputación aposta pola iniciativa A Mariña en Ruta: dez itinerarios guiados

Por 30 Setembro, 2022Outubro 18th, 2022Sin comentarios

A Deputada de Economía, Recadación, Facenda e Especial de Contas, Mayra García Bermúdez, participou no Centro de Interpretación da Mariña (CENIMA), en Foz, na presentación dunha nova edición da iniciativa A Mariña en Ruta, que impulsa a Mancomunidade de Municipios e coa que colabora a Deputación de Lugo. Un acto que estivo presidido polo presidente da Mancomunidade e Alcalde de Foz, Francisco Cajoto.

Mayra García subliñou a importancia de que este programa de rutas a pé polo territorio mariñán chegue á cuarta edición, porque “neste tipo de iniciativas cumprir anos equivale a revalidar o acerto da proposta inicial e a manter o compromiso coa promoción social e económica desta terra”. Na súa intervención felicitou ás persoas organizadoras polo deseño dos 10 itinerarios, pero dun xeito especial trasladou os parabéns da Deputación de Lugo á Mancomunidade por continuar adiante con este proxecto “tan positivo para a nosa comarca”.

Explicou que a Deputación ofrece un apoio “firme e decidido a todos os sectores produtivos que teñen capacidade para xerar riqueza e emprego, como é o caso do sector servizos: o turismo, a hostalaría e o comercio local”. Neste sentido, expresou que a filosofía do programa A Mariña en Ruta “concorda plenamente co modelo turístico que impulsamos dende a Deputación: un turismo sostible e de calidade, de experiencias, con capacidade para atraer visitantes ao longo de todo o ano, que coida o patrimonio e que deixa un alto valor no territorio, en termos de economía e de emprego”.

A Deputada loou a potencial turístico da Mariña porque “ten moito que ofrecer coa súa combinación de paisaxes, historia, cultura, patrimonio ou gastronomía, e este programa pensado para desfrutar amodo, dentro da filosofía do turismo slow, é o mellor punto de partida para quen non a coñece e unha inmellorable invitación a repetir visita para quen xa estivo aquí noutras ocasións”.

A Deputación, coa Mariña

 A Deputada remarcou o carácter da xente da Mariña, que “demostra cada día que non se vai vir abaixo a pesar das malas noticias. Os mariñáns e mariñás demostramos que temos vontade, forza e moitas iniciativas para seguir loitando polo futuro desta terra; que as decisións xeopolíticas de multinacionais ou as prohibicións que se toman en despachos afastados non poden co noso tesón para seguir traballando polo noso progreso”.

Lembrou que o pasado martes, 27 de setembro, a Deputación de Lugo aprobou no Pleno rexeitar a prohibición da pesca de fondo en 87 caladoiros imposta pola Comisión Europea e, “ao mesmo tempo, pedir ao Goberno de España e á Xunta de Galicia que esgoten todos os recursos para que a Unión Europea anule esta decisión tan nefasta para A Mariña e para Galicia”.

Así mesmo aludiu a situación industrial da comarca: “Dende a Deputación de Lugo levamos anos reclamando á Administración que por Lei ten as competencias, a Xunta, que deseñe e implante un plan de reindustrialización para A Mariña e para toda a provincia. Un Plan Industrial que aproveite as nosas grandes potencialidades, e o talento e preparación dos mariñáns e mariñás, e de todos os lucenses”.