Skip to main content
Cultura AMARIÑAXADeportes AMARIÑAXAViveiro

Cabaleiros do Landro: “En Viveiro hai moita afección ao mundo do cabalo“

Por 9 Setembro, 2022Decembro 18th, 2023Sin comentarios
Por Ana Somoza López.

Falamos con Adrián Pilar Mateos, secretario do Cabaleiros do Landro.

A asociación Cabaleiros do Landro de Viveiro é o colectivo organizador das carreiras de cabalos no municipio e que nesta ocasión chega a súa terceira edición.

Como comezou este colectivo?

Pois no ano 2018 pola nosa afección ao cabalo. Aquí en Viveiro hai moita e por iso nos xuntamos pois para facer eventos ou organizar cousiñas e necesario pertencer a un colectivo.

Cantos membros?

Somos sobre 70 persoas e tivemos moi poucas incorporacións así como moi poucas baixas. O socio máis novo terá uns 3 ou 4 anos e o máis maior arredor dos 70 anos.

Que novidades hai para este ano?

A novidade é que este ano a Carreira de Cabalos que organizamos en setembro agora farase en dous días, e contaremos coa final do Campionato Galego de Andadura. Ademais o domingo teremos a exposición de maquinaria agrícola, a feira de gando e as carreiras propias do evento.

Con dous días de evento, será unha boa nova para a economía viveirense?

Pois cremos que si posto que moita xente que vira a desfrutar das carreiras e moitos participantes quedarán a durmir e a facer vida esa fin de semana de setembro. Esperamos que veña moita xente e que teña moito impacto na hostalaría.

Como xurdiu a idea da carreira?

No ano 2018 fixemos o noso primeiro evento, a primeira Ruta Cabalar de Viveiro, despois no 2019 xa fixemos a primeira edición da Carreira de Cabalos no campo de fútbol de Celeiro. No 2020 estivo parado pola pandemia da covid, e xa no 2021 a medida que víamos que se alixeiraban as restrición, decidimos organizar a segunda edición das Carreiras de Cabalos.

Xa en outubro deste ano faremos a nova edición da Ruta Cabalar pero aínda non podemos desvelar os detalles.

Hai moita participación nestes eventos?

Si, sempre hai unha alta participación de xinetes de toda Galicia e de Asturias. Na anterior edición contamos con 150 equinos nas distintas competicións.

CARREIRA DE CABALOS CIDADE DE VIVEIRO

Por terceira vez, Viveiro acollerá a Carreira de Cabalos Cidade de Viveiro, na que os amantes dos equinos poderán presenciar as mellores carreiras.

Este torneo vaise disputar os día 10 e 11 de setembro no campo de fútbol de Celeiro, sempre e cando as circunstancias sanitarias o permitan.

A xornada comezará o sábado 10 ás 10.00 horas coa final do campionato de andadura individual, e de 16.00 a 20.00 horas o de equipos. Ás 20.00 será a entrega de premios e medallas.

Xa o domingo 11, será a proba de andadura libre con todas as súas modalidades ás 11.00 horas e ás 14.30 horas haberá un descanso para xantar. Xa pola tarde serán as carreiras de galope cruzados por alturas, andadura libre serrada de menos de 1,51 e as sub16.

Xa ás 19.00 horas será o galope PRG e media hora despois o PRA. Para que, acto seguido, entréguense as medallas e premios.

Haberá premios de andadura libre serrada e chapeada de menos de 1,51 metros e de máis de 1,51 metros, ao maoir número de cabezas equinas e de vacún, a andadura sub16, a galope de menos de 1,51 e de máis de 1,51. Tamén haberá trofeos para a carreira pura raza galega e pura raza árabe nacional.

Está organizado pola asociación Cabaleiros do Landro, a Federación Galega de Hípica, a Deputación Provincial de Lugo e o Concello de Viveiro.