Skip to main content
Foz

Este venres comeza a segunda edición das xornadas San Martiño no Camiño

Por 28 Setembro, 2022Sin comentarios

Este venres, día 30, comeza a segunda edición das xornadas San Martiño no Camiño, que organiza o Concello de Foz, cunha charla a cargo da profesora da Universidade de Santiago de Compostela Carolina Casal Chico. Será na sala multiusos do Centro de Interpretación da Basílica ás 20 horas.

Carolina Casal Chico é licenciada en Historia da Arte é Museóloga, Xestora cultural, investigadora e docente. Actualmente é docente externa na Universidade de Santiago de Compostela, no Campus de Lugo, nos Cursos ensinanza regrada: IV Ciclo Universitario. Profesora nas materias de Historia da Arte e Iconografía, seminarios monográficos e o proxecto Camiños de Coñecemento e Experiencia provincia de Lugo e Ourense. Foi museóloga no Museo Diocesano Catedralicio de Lugo do 2012 ó 2018;  historiadora na restauración da Igrexa Parroquial de San Pedro de Lugo, o Retablo da Nosa Señora do Carme, na igrexa de Santiago de Rubiás, nos Mixtos e O Pórtico da Gloria da catedral de Ourense, entre outros proxectos. Tamén foi consultora cultural, administradora e directora de proxectos na empresa Ars media, onde desenvolveu proxectos como a  reconstrución en 3D da Capela de San Miguel de Celanova ou a publicación Rudesindus, centrada na figura do Bispo San Rosendo. Na súa labor de investigadora dende o ano 2003 ata a actualidade participou en mais de 40 proxectos, artigos e publicacións, destacando a da guía La Real Abadía de Samos. Un viaje a la espiritualidad del arte.

Carolina Casal falará este venres en San Martiño acerca dos ciclos pictóricos no Camiño do Mar, a serie de representacións que lidas xuntas dan un contexto á unha obra concreta. Moitos templos no Camiño do Mar teñen representación pictórica no seu interior, con temáticas relixiosas e nalgúns casos incluso marítimas. 

Esta actividade foi presentada polo concelleiro focego de Turismo, Chema Linares, quen comentou: “que mellor escenario que unha xoia do románico para continuar cunha iniciativa que xa empezaramos o ano pasado. Trátase de realizar charlas, conferencias ou ben outras actividades entorno a esta temática do románico. Temos un rico patrimonio na provincia e tamén na Mariña, moitas veces descoñecido e que merece destacar e achegarnos así unha rama do coñecemento, o arte, moitas veces esquecida. Contamos así, con docentes, historiadores e investigadores que nos darán a coñecer desde diversas ópticas os diferentes aspectos deste patrimonio. Dous obxectivos impulsan esta iniciativa: por unha parte o coñecemento á par que promocionamos a nosa Basílica; e tamén impulsar o Camiño do Mar, hoxe recoñecido pola Igrexa”.