Skip to main content
Mondoñedo

Mondoñedo recupera as cifras de turismo prepandemia

Por 18 Setembro, 2022Sin comentarios

O ano 2022 consolida a recuperación do turismo en Mondoñedo, grazas aos esforzos do goberno municipal en promoción e desenvolvemento turístico, xa que ven de rexistrar unhas cifras récord de turismo equiparables á etapa pre-pandemia.

No presente ano, nos meses de xuño, xullo e agosto, rexistráronse unhas cifras que se sitúan un 31,41% por riba das do ano 2021 e con máis do 200% sobre o ano 2020, pero, o verdadeiro dato, que amosa a consolidación da tendencia na recuperación, hai que poñelo en referencia co ano 2019 fronte ao que se iguala a cifra, cunha lixeira tendencia alcista.

Así, o total de persoas contabilizadas no verán do presente ano, ascende a case 25.000 persoas ás que habería que engadir as miles de persoas que se achegaron á cidade durante o Mercado Medieval, no mes de agosto, que recuperou, tamén, a súa liña de normalidade e que rexistrou unha afluencia superior a edicións pre-cóvid.

Nesta mesma tendencia está a peregrinaxe a Compostela, polo Camiño Norte, con cifras que case duplican os rexistros do pasado ano 2021 e que amosan lixeiros incrementos co ano 2019. A cifra de peregrinos contabilizados supera as 11.500 persoas neste tres meses de verán.

Outro dos indicadores do turismo en Mondoñedo,a Cova do Rei Cintolo, tamén marca esa mesma tendencia alcista cun mes de xullo que contabiliza unha cifra récord e visitas, amosándose como o mellor mes de xullo dende que se ofrecen visitas, superando nun 15% o anterior rexistro, e cuns meses de xuño e agosto que están na liña do ano 2019 con lixeiras variacións á alza sobre este. Rexistráronse durante o verán, na Cova do Rei Cintolo, preto de 1.000 persoas.

Así, por todo isto, o Goberno Municipal, considera que as iniciativas postas en marcha para a recuperación do turismo na cidade episcopal, están a dar o resultado esperado xa que as cifras rexistradas amosan a consolidación da recuperación neste eido.