Skip to main content
O Vicedo

O Pleno do Concello do Vicedo aprobou un expediente de modificación de créditos

Por 27 Setembro, 2022Sin comentarios

O Pleno do Concello do Vicedo aprobou, en sesión extraordinaria celebrada o pasado 22 de setembro, un expediente de modificación de créditos do orzamento correspondente ao actual exercicio 2022.

Entre as partidas non dotadas no orzamento, é dicir, entre as aprobación de créditos extraordinarios atópanse vellas reivindicacións do grupo municipal socialista, “varias actuacións que viñamos solicitando desde hai tempo, como se pode comprobar a través das actas dos plenos ordinarios no punto de rogos e preguntas”, dixo o voceiro Vicente Parapar.

Algunhas delas foron a accesibilidade e pintado de pasos de peóns no casco urbano do Vicedo por 48.397,26 euros, a dotación de placas e sinalización de rúas no casco urbano do Vicedo por 48.278,12 euros, a reforma do campo de fútbol do Folgueiro por 200.080 euros e a adquisición de terreos para creación dunha área de caravanas por 110.000 euros.

O grupo municipal socialista amosou a súa satisfacción ao ver que as súas propostas e suxerencias “son tidas en conta polo grupo de goberno do noso concello, e desexamos que outras que aínda quedan, sexan tamén acollidas polo ben do conxunto de veciños do noso concello”, rematou dicindo Parapar.