Skip to main content
Viveiro

Comezan unha recollida de sinaturas para mellorar o acceso á Misericordia

Por 8 Setembro, 2022Sin comentarios

BNG de Viveiro e veciñanza afectada da Misericordia, inician unha recollida de sinaturas para a mellora dos accesos a máis de 14 vivendas da rúa Calvario, casas ás que actualmente se accede por un reducido camiño en rampla fronte ao instituto María Sarmiento e para o cal hai que subirse á beirarúa.

Este camiño estreito, en curva e cunha elevada pendente é a única entrada e saída ao burgo de vivendas, que resulta perigoso para coches e peóns”, din os veciños en compañía da voceira do BNG ,Miriam Bermúdez, que indica que “ademais do perigo para coches e peóns, impide o paso do camión do lixo ou dos vehículos de emerxencias como ambulancias e bombeiros. Xa en varias ocasións as emerxencias tiveron que ser resoltas cos medios propios da veciñanza.

A recollida de sinaturas permitirá a inclusión no Pleno dun punto para tratar este problema e darlle voz á veciñanza, permitindo a intervención na sesión plenaria, denegada noutras ocasións pola alcaldesa.

A veciñanza xa presentou escritos nos anos 2003 e 2008, e tamén recentemente, solicitando un enlace coa rúa Cantarrá, e o BNG de Viveiro presentou sendos rogos neste senso en abril, xuño e setembro deste ano. “Mais o Goberno Municipal do PSOE bota balóns fóra alegando que non se pode actuar ata a aprobación do PXOM, e incluso culpando á veciñanza pola costume deste país de ceder o mínimo para uso público, como dixo Fernandez Cal en Pleno”, di Bermúdez.

Sen embargo, Míriam Bermúdez recalca que “pódense propoñer modificacións puntuais da Normativa Urbanísitca actual, e existen antecedentes. Só fai falla vontade política, e non poñerse de lado ante os poblemas enquistados, como é costume deste Goberno.”

“Agardamos que coas sinaturas e a intervención no Pleno da veciñanza, a señora Loureiro, xa que non dirixe, sinxelamente escoite, pois a solución do enlace con Cantarrá xa foi proposta polos propietarios das vivendas, e dende o BNG indicouse a posibilidade de facelo cunha modificación puntual da normativa urbanística”, rematou Míriam Bermúdez.