Skip to main content
Viveiro

O Concello de Viveiro reforza a súa colaboración coa Asociación de Familiares de Enfermos de Alzheimer

Por 16 Setembro, 2022Sin comentarios

A alcaldesa de Viveiro, María Loureiro, asinou , acompañada da concelleira de Servizos Sociais, Victoria Baamonde, un convenio de subvención nominativa co presidente da Asociación de Familiares de Enfermos de Alzheimer, José Amador. 

O convenio, por importe de 15.000 euros, ten como obxectivo colaborar con esta entidade, que vén prestando asistencia aos usuarios para mellorar a súa calidade de vida, prestando, así mesmo, apoio aos seus familiares e realizando campañas informativas e actividades destinadas a dar visibilidade a esta doenza.

O Concello de Viveiro continúa mantendo o seu compromiso e colaboración con esta asociación, coa que se vén traballando dende hai moito tempo, conscientes da súa importante e necesaria labor. No marco desta estreita colaboración cómpre lembrar que o concello cedeu a AFA Viveiro a Casa de Calvo Sotelo para que poidan dispoñer dun local máis amplo, que servirá para unha mellor prestación do servizo ou a colaboración das merendas.

Tendo en conta que o 21 de setembro se celebra o Día Mundial do Alzheimer, dende o Concello de Viveiro quérese aproveitar a ocasión “para manifestar o noso apoio e a nosa solidariedade aos afectados; consideramos que o alzheimer é un problema socio-sanitario de primeira magnitude, unha enfermidade especialmente dura, triste e cruel cuxa dependencia afecta non só á ao enfermo, senón tamén á súa familia”, afirma Loureiro. 

Con motivo desta data, na noite do luns 21 ao martes 22 de setembro, a Porta de Carlos V iluminarase de cor verde como mostra de apoio e solidariedade con todos os afectados e as súas familias.

“Quero aproveitar a ocasión para agradecer publicamente á Asociación de Familiares de Enfermos de Alzheimer de Viveiro polo seu traballo, compromiso e dedicación, polos esforzos realizados para mellorar a calidade de vida dos viveirenses afectados por esta doenza e das súas familias, prestando asistencia psicolóxica e ofrecendo servizos e apoio e respiro familiar”, engade a alcaldesa. 

O convenio asinado forma parte do traballo realizado no ámbito dos servizos sociais e da implicación coa xente maior, destacando que unha das partida máis grandes dos orzamentos municipais están destinadas á área de servizos sociais.

Neste sentido cabe lembrar que dentro dos programas prestados en Servizos Sociais con especial atención aos coidados da xente maior, destacan o Servizo de Axuda no Fogar, o programa de Xantar na Casa, que facilita unha alimentación saudable e equilibrada a aquelas colectivos de persoas maiores e persoas en situación de dependencia, mellorando a súa calidade de vida e a autonomía dos seus usuarios.

Tamén destaca o Servizo de Teleasistencia Domiciliaria, a través da Dependencia da Xunta de Galicia ou a través da Deputación de Lugo, sendo neste último caso un servizo gratuíto. Este é un servizo, dirixido a persoas maiores que viven soas, que lles permite pedir axuda en caso de urxencia, dende o propio domicilio. Este servizo é unha prestación que garante atención as 24 horas do día e os 365 días do ano, favorecendo a permanencia e a integración no entorno familiar e social das persoas usuarias do mesmo.

No tocante ao Voluntariado Social, un programa de acompañamento social para todas aquelas persoas que necesiten nun momento dado que se lles acompañe para realizar unha xestión, a citas médicas, etc. cano carezan dunha rede de apoio social, e o préstamo de camas articuladas.