Skip to main content
Viveiro

O Concello de Viveiro invita aos veciños a sumarse a catro proxectos de voluntariado

Por 25 Setembro, 2022Sin comentarios

O Concello de Viveiro, a través da Concellería de Benestar Social, pide á colaboración dos veciños e veciñas para sumarse como voluntarios/as en distintos proxectos promovidos dende a Oficina Municipal de Voluntariado.

“As persoas voluntarias poderán integrarse en catro proxectos distintos, centrados na educación, o acompañamento social e o reparto de alimentos, todos eles dirixidos a colectivos desfavorecidos”, sinala Victoria Baamonde, concelleira de Benestar Social, quen destaca o “importante esforzo que realiza a Oficina de Voluntario nestes proxectos”. 

A primeira iniciativa, o Proxecto de Apoio Educativo a Menores consiste en facilitar axuda escolar a nenos/as con idades comprendidas entre os 3 e os 16 anos durante o curso escolar.

Doutra banda, o Proxecto de Alfabetización de Adultos, busca que a formación básica sexa un instrumento para a normalización e inclusión dos colectivos desfavorecidos, cunha actuación dirixida ás persoas cun baixo nivel formativo.

“Nestes dous proxectos precisamos a colaboración de persoal voluntario que teña formación na área educativa e/ou social”, sinala Mar Lago, técnica da Oficina de Voluntariado e coordinadora desta iniciativa.

Tamén se desenvolverá un Proxecto de Acompañamento Social, que precisa de persoal para as seguintes actividades: paseo, acompañamento de citas médicas (hospitais, centros de saúde…). Para este proxecto, as persoas voluntarias deben posuír carnet de conducir. Por último, impulsarase un Proxecto de Reparto de Alimentos Perecedoiros que consiste na recepción e distribución de alimentos entre as familias máis vulnerables.

As persoas interesadas en colaborar con estas iniciativas sociais deben chamar ao Centro de Servizos Sociais, en horario de 9.00 a 14.00, ao teléfono 982550421.