Skip to main content
Axenda CaducadaComarca AMARIÑAXA

Mariña Patrimonio prepara unha visita polo patrimonio do Valadouro

Por 26 Setembro, 2022Outubro 1st, 2022Sin comentarios

Mariña Patrimonio prepara para o próximo sábado día 1 de outubro unha visita polo patrimonio do Valadouro, que terá como fío condutor os cultos precristiáns á fertilidade.

Nesta saída contarán coa colaboración do dramaturgo Xesús Pisón, que fará de guía durante todo o percorrido. Está previsto visitar, en xornada de mañá, a Igrexa de Santa Cruz, a Igrexa de Bacoi e o Pazo de Carrocide (Lagoa); en xornada de tarde, a capela de Santa Filomena (O Cadramón) e a Pedra Abaladoira (O Pereiro).

Aínda que a data límite para apuntarse remata o martes 27 de setembro, cómpre facelo canto antes para facilitar a organización da actividade, tendo en conta que hai un límite de participantes e terán prioridade aqueles que antes o comuniquen. Para máis información e coñecer os detalles desta visita ao Valadouro, pódese consultar o blog de Mariña Patrimonio http://mrpatrimonio.blogspot.com.

O itinerario do autobús será, probablemente, desde Viveiro ata Foz para rematar no Valadouro, debido á imposibilidade de cubrir toda a Mariña ata Ribadeo. Porén, podería ser modificado en función da procedencia das persoas participantes. O seu prezo dependerá do lugar onde se recollan: as persoas que sexan recollidas nos seus concellos (15 €) e as que non poidan ser recollidas no seu concello de orixe, así como as que procedan do Valadouro (8 €). O xantar realizarase no Hotel Asturias (Ferreira) e terá un custo de 15 €. As persoas non socias asumirán un custo adicional de 5 €, como vén sendo habitual.