Skip to main content
Axenda LUGOXALugo

A mostra ‘Cegasal, unha asociación de persoas para as persoas’ chega a Lugo

Por 23 Setembro, 2022Setembro 24th, 2022Sin comentarios

O proxecto que iniciou no mes de xuño a Deputación con CEGASAL consistente nunha exposición de fotografías que estarán nos corredores da planta baixa do Pazo de San Marcos ata final de mes. A mostra CEGASAL: unha asociación de persoas para as persoas é unha exposición centrada na inserción laboral das persoas con discapacidade e que conta con 24 imaxes realizadas polo fotógrafo coruñés Diego Silva.  Cada unha das fotografías reflexa o día a día das persoas no seu posto de traballo, como pode ser unha dependenta dunha tenda de moda, un xardineiro, persoal da limpeza, un operador de maquinaria ou un operador de fábrica.

Xunto a inauguración da mostra o Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, inaugurou a xornada  A Reserva de contratos a Centros Especiais de Emprego de Iniciativa Social como instrumento para o impulso do emprego das persoas con discapacidade, que acolleu o Salón de Actos do Pazo de San Marcos. Un encontro de debate que pon o colofón ao proxecto que iniciou no mes de xuño a institución provincial con CEGASAL.

O Presidente puxo en valor o traballo de CEGASAL en Galicia, con 35 centros especiais de emprego: “Podo constatar a calidade do seu traballo, da súa profesionalidade e o rigor co que manexan tanto os criterios de inclusión como a adaptación ós estándares do mercado”. Así mesmo, subliñou que, tal e como demostra a exposición que percorreu a provincia e que agora recala en San Marcos, as persoas con algún tipo de discapacidade “revélanse como excelentes profesionais, capaces, formados e esixentes. Persoas que lle aportan valor  engadido ás empresas nas que traballan”, e reflexionou sobre a súa inserción laboral, poñendo o foco en que “só é cuestión de vontade, porque calquera persoa con diversidade funcional pode atopar un traballo á medida das súas capacidades. Temos que levar ao ámbito laboral a mesma diversidade que atopamos na sociedade, entre as persoas. Todos e todas somos válidos, só precisamos atopar a tarefa adecuada”.

O mandatario provincial manifestou que “as administracións públicas temos a obriga de impulsar este proceso e de colaborar coas asociacións que axudan a implantalo, de feito, así o estamos facendo dende a institución provincial, situando as políticas sociais como piar da nosa acción de Goberno”. Engadiu, ademais, que “o fomento do emprego é unha das mellores políticas sociais. Tamén neste caso, porque unha persoa con diversidade funcional, con diferentes condicionantes físicos ou psíquicos, non pode engadir á súa loita diaria a lousa que supón carecer de emprego”. “Na construción dos nosos proxectos persoais, o emprego é un factor fundamental, non só como sustento económico, senón tamén como elemento que nos axuda a reivindicar a nosa dignidade como persoas”, afirmou.

Avanzou Tomé Roca na súa intervención que “na loita por evitar que haxa persoas de primeira e de segunda no acceso ao emprego ou en calquera ámbito da vida, seguirémonos implicando dende a Deputación, con medidas directas, e tamén a través da colaboración co tecido asociativo e produtivo, nun camiño no que é imprescindible seguir avanzando, porque é o que de verdade mide o progreso da nosa sociedade”.

Pola súa parte, a Alcaldesa de Lugo que tamén particiupou no acto, ratificou “a vontade do Goberno Local, xa dende o mandato anterior, de pular pola inclusión efectiva dos colectivos vulnerables e das persoas con diversidade funcional en todos os ámbitos”. Neste senso, o Concello vén de adxudicar a Coregal Parques e Xardíns as obras do Plan de Embelecemento Dito e Feito, “a través do cal se acometerán pequenas intervencións que mellorarán a conservación e acondicionamento dos barrios da capital”, subliñou a rexedora, quen apuntou outras iniciativas con Centros Especiais de Emprego como o Muramiñae Rehabilita ou o servizo de información e atención nos centros de convivencia do rural. Deste xeito, destacou a iniciativa do Concello á hora de impulsar políticas transversais de integración e avogou por”fomentar, dende tódolos eidos posibles, unha igualdade plena de toda a cidadanía tamén dende o aspecto físico, eliminando barreiras e apostando por un urbanismo integrador”

O Concello de Lugo recibiu en marzo deste ano o Premio CEGASAL á Administración local máis comprometida de Galicia cos Centros Especiais de Emprego de Iniciativa Social, durante a celebración da V edición dos Premios organizados por esta Asociación Empresarial, nun acto que tivo lugar no Teatro Principal de Ourense.

O presidente de CEGASAL, pola súa banda, subliñou que a Deputación de Lugo é pioneira en España en promover un proxecto como o da exposición de fotografía que percorreu a provincia este verán para dar visibilizar e poñer en valor o traballo que desenvolven as persoas con discapacidade nas empresas.

Na mesa de análise sobre a contratación con persoas con capacidades diferentes estivo presente Rosa Gutiérrez, encargada da xestión directa dun Centro Especial de Emprego; Pablo Seoane Cancelo, asesor técnico do servizo de contratación e fomento da Deputación; Javier Blanco, director da asociación Foro da Contratación Socialmente Responsable; e diferentes persoas que acudiron para participar nesta xornada arredor do acceso ao mundo laboral e as persoas con discapacidade.
A Deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto, participou na clausura desta acción.