Skip to main content
Axenda CaducadaLugo

O Vello Cárcere énchese de ciencia o próximo 30 de setembro

Por 23 Setembro, 2022Setembro 30th, 2022Sin comentarios

O grupo de Innovación Docente da USC XuvenCiencia e a Asociación de Investigadores AgroMar do Campus Terra converterán o 30 de setembro O Vello Cárcere de Lugo nun laboratorio vivo no que se desenvolverán 17 obradoiros gratuítos de experimentación e tres charlas de divulgación científica orientadas a público de todas as idades co gallo da celebración da Noite europea das persoas investigadoras.

A G-Night, un evento que se celebra de xeito simultáneo en 360 localidades europeas, recala na cidade amurallada por segunda vez co obxectivo de dar a coñecer o traballo desenvolvido pola comunidade científica, ademais de poñer en valor a importancia deste labor para a sociedade.

O programa de actividades organizadas na capital luguesa co gallo da G-Night desenvolverase en quenda de tarde, de 18.00 a 22.00 horas, e inclúe actividades para todos os públicos en función da súa idade.

As persoas interesadas en participar en calquera das sesións previstas xa pode formalizar a súa inscrición de balde no Vello Cárcere ou  a través do número 982 297 195.

O público máis cativo atopará na G-Night unha boa oportunidade para achegarse á ciencia a través do obradoiro Xogando a aprender!, así como das sesión de demostración Trichinella, o verme que veu cear, Os inimigos microscópicos, O lado amargo do azucre, Que esconde a auga?, Doutor, que lle ocorre á miña vaca? ou O peixe cebra como modelo animal. Alén destas actividades expositivas abertas a todo o público tamén haberá outras dirixidas a grupos de máis idade sobre impresión 3D, fotosíntese artificial, realidade aumentada, árbores en tubos de ensaio ou hardware de baixo custo e código aberto para control medioambiental.

Á par da celebración destas sesións demostrativas, as instalacións do Vello Cárcere acubillarán tamén os obradoiros participativos de temática específica Dío con luz: comunicación con fibra óptica,O que agochan as células, O solo que pisamos, Canta proteína ten? ou A luz – regra do nanouniverso.

O abano de actividades promovidas en Lugo por XuvenCiencia e AgroMar co gallo da celebración da Noite galega das persoas investigadoras mantén unha estreita ligazón temática coas liñas de investigación que se desenvolven no Campus de Lugo da USC. O programa deste evento científico complétase con tres charlas divulgativas: A análise sensorial: unha disciplina científica con moito miolo, Xenética de vangarda aplicada á saúde, mellora e conservación de recursos biolóxicos e Esqueletos á escena.