Skip to main content
Colaboracións LUGOXAColaboracións RIBEIRASACRAXAColaboracións SARRIAXA

Conversa coa dramaturga, narradora e actriz Ana Carreira

Por 12 Setembro, 2022Sin comentarios

Por Fernanda Arrojo

Ana Carreira Varela, nacida e residente en Lugo, percorre Galicia contando contos e actuando en teatro.

Cal é a túa formación?

Hai anos estudei Filoloxía Hispánica, especialidade en Lingua Galega. Máis tarde, obtiven o Grao en Arte Dramática na Escola Superior de Arte Dramática de Galicia, especializándome en Dirección e Dramaturxia no itinerario de Dramaturxia.

Actualmente en que traballas?

Eu son dramaturga, narradora oral e actriz en Ubú Teatro e Pinconús. E imparto cursos de escritura, narración oral e teatro.

Como xurdiu o feito de ser unha contacontos?

Eu sempre fun narradora, foi como algo natural. Hai que ter en conta que a tradición oral existe en todas as culturas e en Galicia non se chegou a perder nunca. No meu caso, o paso de ser unha persoa que contaba cousas a ser unha contacontos profesional foi doado. Cheguei nun bo momento.

Todo o mundo conta historias, pero non todo o mundo ten esa tendencia natural.

Que non son monólogos.

Non, a nosa finalidade non é a hilaridade, a risa do espectador, coma no caso dos monólogos, aínda que o humor pode aparecer coma recurso, pero non é o noso obxectivo.

Coñécese a tradición oral?

Non hai moito interese pola cultura en xeral, mesmo persoas das diferentes manifestacións artísticas hai certo descoñecemento. E ata hai certo illamento co resto de Galicia.

Por que outras partes de Galicia van ter algún interese en coñecernos, se entre nós non o hai?

A xente de Lugo non sabe o que se fai en Lugo. Hai grandes artistas en pintura, escultura, literatura, música, teatro afeccionado e profesional.

De todos modos, antes, para dedicarse profesionalmente ás artes escénicas, tiñas que marchar fóra de Lugo. Agora podes vivir nesta cidade e moverte por toda Galicia. O illamento xeográfico, que houbo e hai, non pode ser unha escusa. Que che leva máis tempo? Si, pero é posible.

Temos que mirarnos nós para que nos vexan e procurar de non ser endogámicos, pintores con pintores, poetas con poetas…senón procurar unha mestura para xerar novas cousas.

A Muralla está moi ben onde está e non nas nosas cabezas.

Por que é tan importante a narración oral para os nenos e nenas?

Por moitos motivos: por identidade, por saber quen somos, de onde vimos. Tamén pola fantasía ou a capacidade de recoñecer outros mundos. Por que falando enténdese a xente.

Ten certa faceta pedagóxica?

Todo pode ter algo pedagóxico. Pódese utilizar para explicar cousas, como por exemplo, as lendas ou os mitos, que son en si mesmos pedagóxicos, sexan ou non verdade. O que pasa é que hai que ter coidado con que a faceta pedagóxica sexa única porque podemos aburrir. Hai que ter en conta a importancia da ficción, da maxia, dos símbolos.

Estase a favorecer a narración oral?

Podería favorecerse moito máis, tomala máis en serio. Sobre todo nesta sociedade na que prevalece o audiovisual. Mais, os contos teñen imaxe porque cando falamos, creámolas. Os espectadores non só escoitan palabras. Coas palabras escoitadas constrúen imaxes nas súas cabezas. Eu, mentres estou contando o conto creo unha conversa na que os espectadores me conceden a palabra. Se fago preguntas agardo que me respondan, pero hai que fomentar a capacidade de escoita, sen unha obriga de interacción.

Hai quen pensa que para contar a nenos tés que levar bonecos, disfraces e escenografía, pero iso é teatro. Unha persoa que conta non necesita nada máis que o seu corpo, a súa respiración, as súas imaxes, a súas palabras e ata o silencio.

Tamén é importante coñecer como son os nenos e nenas e non venderse ao que está de moda que xa o ven noutros medios, coma a televisión. Eu voulles falar, sempre, doutras cousas.