Skip to main content
Lugo

O Concello cede gratuitamente as instalacións municipais para apoiar ás escolas deportivas

Por 27 Setembro, 2022Sin comentarios

O Goberno de Lara Méndez, a través da Concellería de Deportes que dirixe Mauricio Repetto, mantén o seu compromiso de fomentar o deporte base facilitando que as Escolas Deportivas da cidade poidan desenvolver o seu labor empregando gratuitamente as instalacións municipais.

O obxectivo, lembrou Repetto, “é contribuír a unha proposta de lecer que vire ao redor de prácticas e valores saudables, que melloren as habilidades sociais dos e das participantes, fomenten a integración e as relacións da cidadanía, ao tempo que se promove o uso das dotacións públicas”.

O edil explicou que “aínda que non baixaremos a garda, esta vai ser a primeira tempada que se afronte dende o inicio con normalidade trala crise sanitaria, xa que os dous últimos anos se tivo que facer de maneira gradual e con estritos protocolos de prevención e seguridade para previr a COVID-19”.

As modalidades ofertadas son baloncesto, balonmán, béisbol, esgrima, loitas olímpicas, patinaxe, pentatlón, triatlón, piragüismo, rugby, taekwondo, tenis, tenis de mesa, hóckey en liña e waterpolo. Sendo algunhas delas de matrícula gratuíta, como rugby ou taekwondo, mentres que outras requirirán dalgún pago, como é o caso de piragüismo.

Corresponde ás diferentes Escolas fixar as tarifas de cada unha das actividades que se impartirán nos polideportivos do Pombal, no Daniel Cordido, na piscina municipal de Frigsa, na Casa do Deporte, no campo Germán López Vila, na piscina de As Pedreiras e no Pavillón Municipal dos Deportes. Mauricio Repetto mostrouse optimista e agarda que o número de usuarios sexa similar á tempada previa á pandemia, “na que participaron ao redor de 2.000 nenos e nenas da cidade”, sinalou.