Skip to main content
Agro TERRACHÁXAComarca AMARIÑAXAComarca LUGOXAComarca RIBEIRASACRAXAComarca SARRIAXAComarca TERRACHÁXA

Convocan as axudas da Xunta para promover a maquinaria asociativa

Por 3 Setembro, 2022Sin comentarios

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publicou a orde da Consellería do Medio Rural pola que se convocan as axudas para o fomento da utilización de maquinaria agrícola en réxime asociativo. En total, a Xunta destina 7 millóns de euros a estas achegas ao longo dos próximos dous anos, que están financiadas co Instrumento de Recuperación da Unión Europea (EURI) no marco do PDR de Galicia 2014-2020.

A dotación destas axudas será dun total de 7 millóns de euros. Poderán ser beneficiarias destas axudas as cooperativas agrarias con sección ou servizo de maquinaria, as cooperativas de utilización de maquinaria agrícola común (CUMA), as cooperativas de explotación comunitaria da terra con cinco ou menos anos de antigüidade ou as sociedades agrarias de transformación nadas da fusión de dúas ou máis explotacións nos últimos cinco anos naturais.

As axudas apoian, en concreto, os custos de adquisición de maquinaria agrícola e os honorarios dos técnicos encargados dos estudos técnicos-económicos de viabilidade do investimento, ata un importe máximo de 1.000 euros. O seu obxectivo é promover o uso de maquinaria e equipamentos de carácter agropecuario en réxime asociativo, impulsar a introdución de novas tecnoloxías no seu emprego e racionalizar os custos de mecanización. Outras finalidades pasan por incrementar os mecanismos de seguridade no traballo, reducir as emisións contaminantes e promover o aforro enerxético, na procura dunha mellora da calidade de vida no rural galego.

O importe das subvencións será do 35% dos custos, unha porcentaxe que poderá incrementarse ata un máximo do 50% en función de criterios que priman a localización da entidade en zonas con limitacións naturais e o feito de que o beneficiario proceda dunha fusión de cooperativas. Os interesados nestas achegas contan cun mes de prazo para solicitalas a contar dende mañá, día seguinte ao da publicación da orde no Diario Oficial de Galicia. As solicitudes deberán ser presentadas de xeito telemático, a través da sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal).

Enlace á convocatoria no DOG:

https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2022/20220830/AnuncioG0426-120822-0003_gl.html