Skip to main content
Comarca AMARIÑAXAComarca LUGOXAComarca RIBEIRASACRAXAComarca SARRIAXAComarca TERRACHÁXA

Novas axudas para a dixitalización das empresas forestais

Por 4 Setembro, 2022Sin comentarios

A Consellería do Medio Rural, a través da Axencia Galega da Industria Forestal, destina un total de 2,5 millóns de euros ás axudas de apoio ás actividades en materia de ecoinnovación e dixitalización da industria forestal-madeira e outras industrias que utilicen a resina, a cortiza e os seus derivados ou outros produtos de orixe forestal. Así o recolle hoxe o Diario Oficial de Galicia (DOG) coa publicación da correspondente resolución coas bases e a convocatoria.

Nesta convocatoria, encadrada dentro dos obxectivos da Axenda de impulso da industria forestal-madeira, poderanse atender proxectos, gastos e investimentos que se veñan realizando en Galicia dende o 2021 e que se xustifiquen -como tarde- o 31 de maio de 2023. O orzamento para este ano é de 1.000.000 de euros e para o 2023 de 1.500.000 euros.

Poderán beneficiarse destas subvencións as pequenas e medianas empresas (incluídas as persoas autónomas) da industria forestal-madeira radicadas en Galicia que realicen aproveitamentos forestais ou utilicen a madeira, a resina, a cortiza e os seus derivados ou outros produtos de orixe forestal, exceptuando os produtos alimentarios, como materia prima para a elaboración dos seus produtos. Tamén poderán solicitar as achegas as asociacións, organizacións, fundacións e entidades sen ánimo de lucro, públicas ou privadas, que teñan base asociativa e sexan representativas ou estean relacionadas coa cadea de valor da industria forestal-madeira e que desenvolvan a súa actividade en Galicia.

As actividades subvencionables divídense en dous grandes bloques. A liña 1 de Ecoinnovación está dirixida a apoiar proxectos destinados a ecodeseñar produtos ou materiais que utilicen a madeira como materia prima, para conseguir desenvolvementos técnicos ou prototipos que melloren a pegada ambiental ao longo do ciclo de vida. Tamén busca impulsar aqueles proxectos ou solucións de economía circular, encamiñadas a previr o malgasto e recuperar o máximo valor dos materiais. Por último, tamén busca introducir ferramentas para a análise dos aspectos ambientais que permitan á empresa identificar e, nalgúns casos, cuantificar os impactos ambientais asociados ás distintas fases do ciclo de vida en procesos produtivos vinculados coa madeira.

A liña 2 de Dixitalización está dirixida a apoiar proxectos de dixitalización das persoas beneficiarias dende a implantación de sistemas de dixitalización, xa sexa dalgún proceso concreto (por exemplo, interacción con administración pública ou proceso de fabricación) ou de xestión integral (ERP, CRM e similares), especificamente deseñados, desenvoltos ou adaptados a un proceso concreto dentro do seu ámbito de actividade ata implantar sistemas para o control e/ou mellora dos procesos produtivos. Por exemplo, sistemas de captura de datos, automatización, supervisión remota, sensórica e/ou mantemento preventivo ou o desenvolvemento ou adaptación de interfaces dixitais para as interaccións comerciais cos clientes ou provedores da industria forestal-madeira.

O importe máximo da subvención será do 70% do gasto subvencionable, cun límite máximo de 70.000 euros por beneficiario e un gasto mínimo subvencionable de 7.000 euros. Na Liña 2 de dixitalización, esta porcentaxe verase incrementada ata o 80% do gasto subvencionable cando a actuación obxecto de solicitude consuma un ou varios servizos web publicados pola Consellería do Medio Rural (https://ovmediorural.xunta.gal/gl/consultas-publicas/servizos-web-forestais) ou para aqueles proxectos de trazabilidade nos que se graven as transaccións na plataforma blockchain da Xunta de Galicia denominada FORTRA (https://fortra.xunta.gal/).

Estas axudas están financiadas ao 100% no marco do eixe REACT-UE do programa operativo Feder Galicia 2014-2020 e as solicitudes deberán presentarse por vía telemática, a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal). O prazo para a súa presentación permanecerá aberto desde o día seguinte á publicación desta resolución ata o 31 de outubro de 2022 ou ata o esgotamento dos fondos asignados no caso en que se produza con anterioridade a esa data.

Axenda de impulso da Industria forestal-madeira

Esta actuación enmárcanse na Axenda de impulso da industria forestal-madeira, unha folla de ruta deseñada conxuntamente cos principais axentes para potenciar o sector e impulsar a bioeconomía como motor de competitividade, favorecendo unha sociedade saudable, neutra en carbono, baseada no emprego verde e no consumo de produtos locais.

Para acadar estes obxectivos, definíronse catro eixes, relativos á mellora do capital humano a través da formación, ao impulso da innovación, á cooperación e valorización e á competitividade, desenvolvemento e diversificación do sector. A través destes eixes e dun orzamento de 55,5 millóns de euros, a Axenda prevé mobilizar preto de 140 millóns no reforzo da competitividade e da modernización dun sector clave no ámbito rural.

Enlace á resolución no DOG:

https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2022/20220901/AnuncioG0520-120822-0002_gl.html