Skip to main content
Comarca LUGOXAComarca TERRACHÁXAO SaviñaoTrabada

A Deputación adxudica obras en dez estradas da provincia

Por 10 Setembro, 2022Setembro 11th, 2022Sin comentarios

A Xunta de Goberno aprobou a adxudicación de obras para o acondicionamento de vías que transcorren polos concellos de Portomarín, Negueira de Muñiz, Vilalba, Guitiriz, Trabada, O Saviñao, Lugo e Guntín.

A Xunta de Goberno da Deputación de Lugo acordou este venres a adxudicación de diferentes actuacións de mellora en 10 estradas provinciais por un importe de 1,2M€. Así o explicou a voceira socialista do Goberno, Pilar García Porto, quen concretou que con estes proxectos a institución acondicionará vías ao seu paso polos concellos de Portomarín, Negueira de Muñiz, Vilalba, Guitiriz, Trabada, O Saviñao, Lugo e Guntín.

Así mesmo, a Xunta de Goberno aprobou adxudicar un contrato para o subministro de emulsión asfáltica para os servizos que presta o Parque Móbil da Deputación por un importe de 680.625€, 467€ por tonelada, polo tanto, unhas 1.500 toneladas. A adxudicataria é a empresa Probisa Productos Bituminosos SLU, e o contrato ten unha duración de 6 meses, prorrogables por outros 6.

Na rolda de prensa na que a voceira socialista informou dos asuntos tratados na Xunta de Goberno deste venres destacou “o elevado ritmo de traballo e de xestión que estamos mantendo dende o Goberno e o conxunto da institución provincial durante este mandato”, como demostra, explicou García Porto, que “só neste verán, e sendo verán, co que iso implica en canto ás vacacións do persoal, fomos capaces de sacar adiante nas Xuntas de Goberno un volume de investimentos de 3,5M€ para a mellora de 23 estradas da Deputación por toda a provincia”.

A Deputada apuntou tamén que “a gran maioría das obras licitadas para estradas no mes de xullo xa quedaron hoxe adxudicadas, e ademais, “reducimos considerablemente os prazos de execución, en moitos casos, pasando de 9 a dous ou tres meses, co que iso beneficia á veciñanza”. “Son só exemplos desa capacidade de traballo que creo que estamos demostrando, e nese empeño de servir o mellor posible ós concellos e ós veciños e veciñas da provincia de Lugo seguiremos”, recalcou a voceira socialista.

Obras adxudicadas

No caso de Portomarín, adxudicouse á empresa Ovisa Pavimentos e Obras SLU as obras de mellora do firme de dúas estradas provinciais: a LU-P-4902 e a LU-P-4909. A primeira une o Alto do Valiño con Valdeporras por Vilaxuste e as actuacións terán lugar entre o quilómetro 1 e o 4; no caso da segunda, que conecta Toxibo coas Neves, traballarase entre o punto quilométrico 2 e o 3,235. O investimento ascende a preto de 258.000€ e o prazo de execución será de tres meses.

En Negueira de Muñiz, a Deputación acometerá obras de mellora do firme da LU-P-3601, a estrada que une A Fonsagrada e Negueira polo Acebo, entre os puntos quilométricos 1,800 e 3,100. A empresa adxudicataria é Ovisa Pavimentos e Obras SLU. O orzamento é de 95.000€ e o prazo de execución é de tres meses.

A Deputación adxudicou tamén en Vilalba traballos de mellora na LU-P-6501, a estrada que une o concello vilalbés con Feira do Monte, onde acondicionará cerca de 4 quilómetros, dende o inicio da vía ata o punto quilométrico 3,835, por un importe de 241.000€; e na LU-P-6502, de Vilalba a Chavín pola Balsa, onde a Deputación destinará 191.000€ para traballos entre o quilómetro 2,1 e o 4,6. A empresa adxudicataria de ambas actuacións é Francisco Gómez y Cía SL, que terá un mes e medio de prazo de execución.

A Xunta de Goberno acordou adxudicar os traballos de rehabilitación do firme e da senda peonil da LU-P-2304, que une Guitiriz con Sete Muíños, por 110.231€ a Ovisa Pavimentos y Obras SLU. O proxecto inclúe actuacións nos primeiros 870 metros de vía, e o prazo de execución é de dous meses.

En Trabada, aprobou adxudicar á empresa Francisco Gómez y Cía SL a rehabilitación do firme da LU-P-6101, que conecta o municipio coa Ría por Sante, nun treito de catro quilómetros entre os puntos quilométricos 3,554 e 7,556. O investimento é de case 176.000€ e o prazo de execución, de dous meses.

No Saviñao, quedou adxudicada a rehabilitación dun tramo de preto de 5 quilómetros da LU-P-4202, que comunica Pacios con Currelos por Aldosende. Fevisa Vías y Obras SL fará as melloras, que afectarán ao treito entre o punto quilométrico 17,2 e o 21,9, por un importe de 97.000€ e dous meses de prazo de execución.

Finalmente, saíu adiante a adxudicación das obras para melloras en dúas estradas que unen os concellos de Lugo e Guntín á empresa Construcciones Carballeira SL por un importe de practicamente 90.000€. O proxecto, cun prazo de execución de dous meses, inclúe a rehabilitación do firme da estrada LU-P-2406, de Lousada a Longalai por A Mota, nun tramo de 5 quilómetros, entre os puntos quilométricos 1,35 e 5,8; e da estrada LU-P-2402, de Lousada a Tendín, nos primeiros 300 metros de estrada.