Skip to main content
Comarca AMARIÑAXAComarca LUGOXAComarca RIBEIRASACRAXAComarca SARRIAXAComarca TERRACHÁXA

A Deputación reedita o programa de axudas a asociacións do rural

Por 17 Setembro, 2022Sin comentarios

A voceira provincial socialista anunciou que a Xunta de Goberno aprobou este venres esta liña de subvencións de concorrencia competitiva destinada a entidades asociativas da provincia co obxectivo de colaborar na mellora da calidade de vida dos veciños e veciñas. O prazo de solicitude abrirase tras a publicación da convocatoria no BOP.

A Xunta de Goberno da Deputación de Lugo aprobou este venres unha nova edición do Programa para a Dotación e Mellora de Servizos Comunitarios, que conta cunha dotación económica de 300.000€. Trátase da segunda vez que sae esta liña de axudas de concorrencia competitiva, destinada a asociacións da provincia co obxectivo de colaborar na mellora da calidade de vida dos veciños e veciñas do rural, tal e como explicou a Voceira socialista do Goberno, Pilar García Porto.

A Deputada detallou que se aprobaron as bases do programa, que sairán publicadas nos  vindeiros días no Boletín Oficial da Provincia (BOP), data a partir da cal se abrirá o prazo para solicitar as subvencións.

Poderán optar a estas axudas, que oscilarán entre os 1.000 e os 6.000€, entidades asociativas, tales como asociacións e agrupacións de veciños e veciñas, comunidades de usuarios e usuarias de augas, comunidades de montes ou asociacións de gandeiros, agricultores ou produtores forestais da provincia para realizar investimentos en inmobles ou equipamentos que dean servizo á veciñanza e que fomenten e dinamicen o asociacionismo veciñal.

Entre as actuacións subvencionables, García Porto enumerou a mellora, adecuación do firme ou sinalización de vías públicas comunais e os seus accesos; as obras de acondicionamento, reforma e ampliación dos locais nos que a entidade desenvolve a súa actividade; adquisición de equipamentos para os locais que resulten necesarios para o funcionamento común da entidade; obras novas de mellora, reforma e reparación das infraestruturas e instalacións das traídas de augas comunitarias, promovidas por comunidades de usuarios de augas; construción de depósitos de auga comunitarios ou acondicionamento e recuperación dos existentes, así como das súas captacións, canalizacións e acometidas; e obras de acondicionamento e recuperación de espazos públicos comunais, fontes comunais e a súa contorna.

A voceira recalcou que con este o programa “queremos seguir reforzando a cooperación co tecido social da provincia”. “Está claro que ninguén quere vivir nun lugar se non ten os servizos que necesita, e isto é precisamente o que queremos con este programa: dotar de máis e mellores servizos ao noso rural para fixar poboación”, explicou García Porto.