Skip to main content
Comarca AMARIÑAXAComarca LUGOXAComarca RIBEIRASACRAXAComarca SARRIAXAComarca TERRACHÁXA

15 entidades da provincia reciben as axudas para proxectos de mellora da Rede Natura

Por 17 Setembro, 2022Sin comentarios

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda destinará preto de 717.000 euros (716.797 €) a financiar proxectos dirixidos á posta en valor de espazos da provincia de Lugo incluídos na Rede Natura, a través dun programa de axudas para as anualidades 2022 e 2023.

O Diario Oficial de Galicia (DOG) acaba de publicar a resolución da convocatoria das axudas a investimentos non produtivos vinculadas á realización de obxectivos agroambientais e climáticos na Rede Natura 2000 de Galicia, cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader), que apoia actuacións impulsadas por concellos, persoas físicas e entidades – como asociacións e comunidades de montes -.

Estes incentivos buscan contribuír a garantir e mellorar a biodiversidade nos sistemas agrarios de alto valor natural, ademais de mellorar o estado das paisaxes agrarias galegas tanto no territorio da Rede Natura 2000 como nas súas áreas de influencia socioeconómica.

En canto ao reparto das axudas, a liña dirixida ás administracións locais conta con 15 beneficiarios da provincia de Lugo que perciben en total 261.400 euros. Así, a Xunta sufragará as actuacións promovidas por catro concellos da Mariña -Ribadeo, Barreiros, Alfoz e O Vicedo -; catro da área da Montaña -Cervantes, Navia de Suarna, A Fonsagrada e Becerreá -; tres da Zona Sur -Folgoso do Courel, Quiroga e Ribas de Sil -; e as restantes en Cospeito, Xermade, Triacastela e Outeiro de Rei.

Particulares e entidades de custodia do territorio

Arias apuntou que tamén se destinan 331.000 euros a financiar 44 proxectos promovidos por particulares e 124.400 euros para diferentes accións que levarán a cabo 12 asociacións e comunidades de montes da provincia de Lugo.

Destacou que o concello de Cervantes concentrará gran parte das melloras, xa que a este municipio corresponde arredor do 73% dos expedientes aprobados nestas dúas liñas -38 procedentes de particulares, dous deles compartidos con Navia de Suarna, e tres de entidades -. As demais propostas concedidas pertencen a Navia de Suarna, Folgoso do Courel, Becerreá, Samos, Begonte e O Valadouro.

Entre as actuacións subvencionables cómpre subliñar a rehabilitación de elementos históricos, culturais ou etnográficos, obras dirixidas a preservar ecosistemas naturais como cercados, eliminación de especies invasoras ou restauración de puntos de auga e zonas húmidas; e actuacións que repercutan positivamente sobre a paisaxe agraria, por exemplo, restauración de cercas e muros de cachotería, adecuación de carreiros rurais, creación de rutas e áreas de recreo ou sinalización de camiños e sendas.