Skip to main content
Comarca AMARIÑAXAComarca TERRACHÁXACultura LUGOXA

O Camiño Escena Norte volverá percorrer Galicia

Por 4 Setembro, 2022Sin comentarios

Chega unha nova edición do Camiño Escena Norte, unha iniciativa de intercambio cultural entre as comunidades polas que discorre a ruta xacobea do Camiño do Norte, que este ano se expande a 38 sedes de Galicia, Asturias, Cantabria, País Vasco e, por primeira vez, Navarra, coa participación de 15 compañías de teatro, danza e novo circo.

O percorrido galego desta programación será desde o 10 de setembro ata o 9 de outubro e presentará oito espectáculos nas localidades de Lugo, Vilalba, Viveiro, Santiago de Compostela, Arzúa, Ames e Carballo.

Na carteleira xeral do IV Camiño Escena Norte figuran as montaxes Bailar agora, de Marta Alonso Tejada, e Sonámbulo, de Pistacatro. As tres compañías actuarán, entre outras localizacións, en Oviedo, Bilbao, Santander, Eibar, Vitoria, Laredo e Viana.

MEDRAN OS SORRISOS

Baixo o lema Medran os sorrisos, a edición de 2022 preséntase como a meirande das celebradas ata o momento en canto a actividades, compañías en xira e espazos, aos que se incorporan por vez primeira escenarios de Navarra e da provincia de Araba. Como sinalou Sutil, o compromiso de todas as entidades públicas e privadas implicadas fixo posible o despegue e a consolidación deste proxecto ata “se converter nun programa integral de difusión das artes escénicas”, que non só amplía e diversifica a oferta cultural das localidades polas que discorre, senón que dinamiza a circulación exterior das compañías e, xa que logo, está a contribuír á reactivación do sector.

De feito, o eixo principal de Camiño Escena Norte é a programación de espectáculos denominada Itinerario Constelacións, que en Galicia presentará oito espectáculos doutras tantas compañías asturianas, cántabras, vascas e navarras, ademais de diferentes actividades de contacto directo entre artistas e público ao finalizar as funcións.

A primeira destas citas será o 10 de setembro na compostelá praza da Quintana con La Banda Teatro Circo (Navarra) e a peza Kimera. O día 29 a Capela da Madalena, en Arzúa, será o escenario da proposta infantil La niña de las trenzas al revés, de El Callejón del Gato (Asturias). Pola súa banda, o Auditorio Municipal Gustavo Freire de Lugo acollerá o 29 de setembro a Erre Produkzioak (País Vasco) con Fake (trampantojo), mentres que o día 2 de outubro Escena Miriñaque chegará desde Cantabria para presentar Del otro lado.

O groso da programación galega desenvolverase xa na seguinte semana. Así, os días 7 e 8 de outubro, o espectáculo Mímesis, de Zig Zag Danza (Asturias), exhibirase en Ames e Vilalba, respectivamente, mentres que o sábado 8 poderanse ver tamén El Enjambre, da vasca Vaivén Producciones, en Viveiro, e La caja flotante, do navarro Ion Iraizoz, en Carballo no marco da programación do Festival Internacional Outono de Teatro.

Finalmente, a Cidade da Cultura de Galicia acollerá o 9 de outubro o peche deste cuarto Camiño Escena Norte co espectáculo para público familiar El secreto de Julio Verne, de Fantastique Company (Asturias).