Skip to main content
Antas de Ulla

A Deputación e AELU achéganse ás emprendedoras e empresarias do rural da Ulloa cun encontro en Antas

Por 21 Setembro, 2022Sin comentarios

A Deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo e voceira socialista do Goberno, Pilar García Porto, participou este mércores en Antas de Ulla nun almorzoworking celebrado no marco programa Feminino Rural. Evolución que impulsa a Deputación en colaboración coa Asociación de Mulleres Empresarias da Provincia de Lugo (AELU). Neste encontro participou unha trintena mulleres con iniciativas emprendedoras ou empresariais da comarca da Ulloa, e estivo tamén presente a presidenta de AELU, Beatriz Varela.

García Porto salientou que esta medida forma parte da estratexia da institución para fortalecer o tecido produtivo da provincia, neste caso, os proxectos empresariais e emprendedores liderados por mulleres no rural. Detallou que este é un programa no que as participantes reciben formación, acompañamento e asesoramento de maneira gratuíta, tanto para mellorar os negocios que están en marcha, como para favorecer o éxito e viabilidade das iniciativas emprendedoras. A institución provincial inviste 40.000€ neste programa.

A Deputada subliña que o proxecto está tendo moi boa acollida na provincia, con máis de 100 mulleres involucradas. Subliñou que a comarca da Ulloa é unha das que conta cunha maior participación, xunto coa Terra Cha e Lugo. As actividades empresariais que queren desenvolver ou xa están desenvolvendo as mulleres participantes na provincia son moi diversas: servizos forestais, turismo rural, comercio, agricultura ecolóxica, organización de eventos, publicidade, gandería, coach, adegas, artesanía, tear, pilates ou traballos feitos á man.

No caso da Ulloa e da Terra Cha destaca a alta porcentaxe de empresas e proxectos vencellados co rural, con actividades como elaboración de produtos como queixo ou conservas ecolóxicas, comercialización da horta ecolóxica e produtos silvestres, elaboración de xabóns ou gandería.

Este programa naceu co obxectivo de chegar ao maior número de mulleres posible e para facilitar a súa participación, “atendendo precisamente á perspectiva demográfica do noso territorio, todas as accións deste programa fanse de maneira deslocalizada, nas distintas comarcas da provincia: na Mariña, en Lugo, na Ulloa, na Terra Chá, en Sarria, na Montaña e na Ribeira Sacra”.

En cada comarca créanse sinerxías entre as mulleres, fomentando o intercambio de coñecementos e de experiencias que beneficien aos proxectos individuais de cada unha. As formacións e asesoramentos están dirixidos a mellorar o funcionamento, gañar competitividade e abrir novos mercados das empresas que teñen en marcha. Pola súa banda, as emprendedoras participantes reciben asesoramento e apoio técnico para constituír e arrancar a súa propia empresa, e para favorecer a súa viabilidade.

O vindeiro almorzoworking será en Láncara o 28 de setembro, e na Fonsagrada no mes de outubro.