Skip to main content
A FonsagradaAxenda Caducada

A Ruta dos Lobos converte o sábado á Fonsagrada na capital do ciclismo de montaña co apoio da Deputación

Por 14 Setembro, 2022Setembro 17th, 2022Sin comentarios

A Ruta dos Lobos regresa este sábado, 17 de setembro, á Fonsagrada co apoio da Deputación de Lugo. Foi presentada a oitava edición da cita no Pazo de San Marcos coa participación da Deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto, o Deputado de Deportes, Artesanía e Deseño e Memoria Histórica, Efrén Castro Caloto, o Alcalde da Fonsagrada, Carlos López López, e o técnico de deportes municipal, Enrique Fernández Carrín.

Nesta edición participarán 250 persoas chegadas de diferentes puntos de Galicia e de España, contando con inscritos doutras comunidades autónomas como o País Vasco ou Madrid. García Porto subliñou na presentación que “a Deputación de Lugo é o Concello dos Concellos e, como tal, temos o compromiso de colaborar cos 67 municipios da provincia, sobre todo cos máis pequenos, para sacar adiante todo tipo de iniciativas que favorezan o seu progreso social e económico. Este é o obxectivo que nos motivou a apoiar esta Ruta dos Lobos da Fonsagrada coa súa promoción e proxección. Nese sentido quero recoñecer o papel do alcalde e do seu Goberno por contribuír a que este tipo de eventos se celebren no concello, e por facelo da man do tecido asociativo do municipio. É fundamental o que estades facendo na Fonsagrada para que este sexa un lugar vivo, dinámico e con iniciativas pensadas para todas as idades”, subliñou.

Máis alá do aspecto “puramente deportivo”, indicou a Deputada, “o deporte é un aliado excelente da promoción do territorio e do turismo, un reclamo que atrae visitantes á zona e que, polo tanto, axuda a fomentar a actividade da hostalería, do turismo e do comercio local”. “A Ruta dos Lobos é unha claro exemplo do que apostamos dende a Deputación porque é unha maneira magnífica de dar visibilidade á nosa oferta turística. Unha oferta que pasa por un modelo de turismo de calidade, non masificado, sostible, de experiencias, e respectuoso co medio ambiente”.

O Deputado de Deportes, Efrén Castro, sinalou a “singularidade da ruta que conseguiu diferenciarse nun calendario moi amplo e variado de probas”; e recoñeceu “o traballo da organización na elección do trazado, que permite descubrir lugares que nos sorprenden incluso ás persoas da provincia, e na preparación e coidados das pistas e sendeiros polos que pasa”.

A Ruta dos Lobos comezará ás 11.00 e contará con dous percorridos: un longo e un curto. A ruta longa será de 52 quilómetros con 1.900 metros de desnivel positivos acumulado, e a curta será de 32 quilómetros en 1.200 metros de desnivel positivos acumulados. O percorrido da ruta longa viuse modificado nun 50% en relación con outras edicións, incluíndo este ano un treito que atravesa o Camiño Primitivo pola Pobra de Burón, co fin de que as persoas participantes poidan coñecer esta zona e poder afectar no menor posible aos peregrinos e peregrinas. Tamén se pasa pola Seimeira de Vilagocende, se sube á Serra de Muradal e chégase ao antigo hospital de Montouto, entre outros puntos destacados do municipio.

Haberá avituallamentos, lavado de bicicletas no Campo da Feira, zonas de duchas e unha cea para as persoas que o desexen para degustar un menú típico da Fonsagrada. De xeito paralelo á ruta organízase unha visita guiada para coñecer o hospital de Montouto, a súa orixe, e tamén unha ruta de sendeirismo.