Skip to main content
Lugo

A Deputación licita por 372.000€ as obras dos espazos circundantes aos pavillóns do Fogar de Santa María

Por 2 Setembro, 2022Sin comentarios

A Xunta de Goberno da Deputación de Lugo acordou este venres sacar a contratación por 372.000€ o proxecto para a reforma e mellora dos espazos comúns circundantes aos pavillóns do Fogar de Santa María, na cidade de Lugo. Así o explicou a voceira socialista do  Goberno, Pilar García Porto, quen concretou que con este proxecto “conseguiremos cuadriplicar o número de prazas de estacionamento para uso público neste recinto, pasando das 40 que existen actualmente a unhas 165 prazas”.

A Deputada detallou que con este paso adiante, “o Presidente cumpre o seu compromiso de reordenar e acondicionar o entorno do  complexo de Santa María, despois de rematar as obras de rehabilitación e mellora nos pavillóns un e dous cun investimento de 1,7M€”. Así mesmo, a voceira socialista lembrou que o mandatario provincial e a Alcaldesa de Lugo acordaron na comisión de seguimento do convenio de cesión de Santa María a apertura gratuíta do aparcamento ao público, fóra do horario laboral dos traballadores e traballadoras provinciais cando acaben estas obras, que teñen un prazo de execución de catro meses, unha vez iniciadas. “Demostramos, unha vez máis, que cumprimos coa cidadanía, neste caso para ofrecer máis e mellores espazos públicos para uso e desfrute dos veciños e veciñas de Lugo, pero tamén do resto da provincia”, explicou Pilar García Porto.

O proxecto afectará á contorna dos pavillóns 1, 2, 3 e 4 que compoñen o complexo de Santa María, onde a Deputación ten situados seis servizos: Recadación, Medio Ambiente, Asesoría Xurídica, Vías e Obras, Cooperación cos Concellos e Artesanía e Deseño.

Os traballos que vén de licitar a Xunta de Goberno consisten na reordenación dos espazos, no afirmado e pavimentación, axardinamento, sinalización, drenaxe do edificio no que se sitúa Vías e Obras, execución de rede de pluviais e conexión aos sumidoiros, instalación de luminarias públicas, e acondicionamento do acceso peonil existente entre as zonas superior e inferior que circundan os edificios.

A Xunta de Goberno desta semana tamén aprobou adxudicar a concesión da área recreativa dos Robles á empresa Terras de Lugo SL por un prezo mensual de 550€ e por un prazo de 3 anos, coa posibilidade dunha prórroga dun ano. Estas instalacións de titularidade provincial contan con cafetería e un salón grande, unha terraza con vistas ao río e dúas piscinas, unha delas infantil.

Explicou García Porto que este paso que se dá agora consiste nunha adxudicación directa aceptando a solicitude presentada pola empresa Terras de Lugo SL o pasado 26 de agosto, unha vez que o procedemento de concorrencia pública que se convocou o 15 de xullo para a concesión da área dos Robles quedara deserto porque non se presentou ningunha oferta. A adxudicataria cumprirá con todos e cada un dos requisitos incluídos nos pregos da convocatoria pública, tales como o canon e a duración do contrato.