Skip to main content
Axenda CaducadaLugo

A Feira do 48 celebra a súa quinta edición esta fin de semana

Por 6 Setembro, 2022Setembro 11th, 2022Sin comentarios

A Asociación Cultural Cántigas e Frores organiza, co apoio da Vicepresidencia da Deputación de Lugo e da área de Cultura do Concello de Lugo, unha nova edición da Feira do 48, que se celebrará os días 10 e 11 de setembro na Praza Maior de Lugo.

O quiosco da música da Praza Maior de Lugo será o escenario da Feira na que se poderá desfrutar de música, baile, artesanía e xogos populares o longo de toda a fin de semana. Coa premisa de revivir o ambiente das feiras de antano na cidade,  o colectivo cultural lucense, programa dúas xornadas de actividade.

Xunto á ambientación musical, a Feira do 48 dá espazo tamén á artesanía e aos oficios vinculados á construción de instrumentos e ao traxe tradicional, aos xogos tradicionais e populares -coa colaboración de Xotramu- e á gastronomía, coa presenza dunha pulpeira.

Como novidade, nesa quinta edición, o programa comeza o sábado pola mañá con Cantos de Taberna en distintos locais de hostalería da rúa Nova e da rúa da Cruz, que se sumaron á iniciativa. O xornalista Paco Nieto será o encargado de inaugurar oficialmente a Feira coa lectura do pregón, un convite co que Cántigas e Frores quere recoñecer a súa traxectoria como referente radiofónico da cidade e agradecer e subliñar a importancia do apoio dos medios de comunicación na promoción da música tradicional e da labor da propia asociación.

A Feira do 48 toma como referencia cronolóxica o 1948, ano da fundación de Cántigas e Frores, que desde aquela ven traballando na promoción da música e do baile tradicional desde distintos eidos, incluída a ensinanza.