Skip to main content
Lugo

Chega a Lugo Reciclos, unha nova iniciativa para fomentar a reciclaxe de envases na cidade

Por 12 Setembro, 2022Sin comentarios

Os habitantes de Lugo comprometidos coa reciclaxe poderán obter desde hoxe recompensas cada vez que reciclen as súas latas e botellas de plástico de bebidas. Isto é posible grazas á aposta do Concello por Reciclos, o Sistema de Devolución e Recompensa (SDR) desenvolto por Ecoembes, co que ambas entidades buscan fomentar a reciclaxe de envases na cidade e promover unha economía verde e circular.

A nova campaña foi presentada este luns, nun acto que tivo lugar na Praza Horta do Seminario, coa participación do tenente de alcaldesa e concelleiro de Medio Ambiente, Miguel Fernández, así como do xerente de Ecoembes en Galicia, Fernando Blázquez. “A través desta iniciativa queremos premiar aos cidadáns comprometidos co medio ambiente, ofrecéndolles incentivos cos que poderán axudar a mellorar a contorna ou colaborar con entidades de carácter social, mentres contribúen á circularidade dos envases, é dicir, a darlles unha nova vida a través da reciclaxe”, explicou Fernández.

Deste xeito, os veciños e veciñas de Lugo poderán reciclar as súas latas e botellas de plástico de bebidas nun dos 800 contedores amarelos das rúas da cidade -aos que se lles incorporou un Código QR- e obter recompensas que poderán doar a proxectos locais como, por exemplo, a asociación Alume Saúde Mental, a cal atende as necesidades de saúde mental dos seus asociados e familiares ou, no ámbito rexional, apoiar a nenos afectados pola Síndrome de Phelan-McDermid (PMS), grazas á colaboración coa asociación homónima.

Así mesmo, os usuarios de Reciclos en Lugo tamén poderán contribuír a nivel nacional destinando os seus puntos a crear o primeiro Bosque Reciclos, a través da reforestación e recuperación dunha zona natural degradada, ou doándoos á Asociación Española Contra o Cancro (AECC), para brindar acompañamento psicolóxico especializado a pacientes e familiares.

Lugo é un dos primeiros concellos de Galicia, tras Santiago e Vigo, en impulsar esta acción conxunta con Ecoembes, “coa que desexamos visibilizar os beneficios medioambientais de reutilizar os envases e o aforro que supón en emisións de CO2, auga e enerxía”, explicou o edil.

Miguel Fernándz lembrou que “xa realizamos outras campañas na cidade, a última no 2019, tamén con Ecoembes, Únete ao reto, e crecemos dun 11,1 ao 12,45%, polo que cremos que é necesario seguir coas campañas de concienciación; así, este tipo de iniciativas para incentivar prácticas sostibles son para o Concello de un gran calado se queremos trasladar que o coidado  medioambiental e da nosa contorna nos corresponsabiliza a toda a cidadanía”.

“O servizo de limpeza e recollida de lixo que acaba de comezar a traballar ten tamén ese cometido, e quero lembrar que entre os nosos obxectivos está aumentar a capacidade de recollida de lixo: nun 100 % na fracción orgánica, que se implantará este ano; un 78% os envases; un 42,3% a fracción resto e un 28,6% o papel cartón e, para iso, non só comezaremos no vindeiro mes a renovar os 3.700 colectores actuais na súa totalidade, senón que ampliaremos un mínimo de 500 colectores a maiores”, avanzou o concelleiro.

Pola súa parte, Fernando Blázquez, xerente de Ecoembes en Galicia, sinalou que “estamos moi agradecidos ao Concello de Lugo por apostar por Reciclos e a todos os habitantes de Galicia pola gran acollida que tivo este sistema na rexión. O compromiso dos cidadáns galegos é digno de admiración xa que, cun xesto tan sinxelo como é reciclar, poñen en valor a mellora da contorna natural e das persoas que lles rodean mediante a doazón dos puntos que obteñen ao reciclar”.

Incremento da reciclaxe en Lugo

Desde o ano 2017 produciuse un aumento dun 19,43% Kg/ano no contenedor amarelo (pasando de 979.660 a 1.170.040 kg/ano). Cada lucense aportou 11,9 kg/ano de media por persoa. A pesar dos datos ascendentes desde hai 5 anos, do ano 2020 ao 2021, as cifras apuntan un descenso dun 4,6% e recolléronse un 4,3% menos de kg, de aí a necesidade de seguir a promover campañas que fomenten esta práctica sostible.

“As situacións que estamos a vivir de sequía e estrema calor reflicten claramente que debemos contribuír de maneira proactiva contra o cambio climático se queremos deixar ás novas xeracións un mundo más verde e san”, apuntou nesta liña Fernández, quen conclíu que “a campaña Reciclos ábrenos a oportunidade non só de ser solidarios con nós mesmos para vivir nunha cidade e nun mundo máis sostible, senón tamén cos colectivos e asociacións do terceiro sector de Lugo para axudarlles nos seus proxectos locais”.

Así funciona Reciclos

Para facer uso deste sistema, os cidadáns só teñen que descargarse a app gratuíta Reciclos e, na casa, escanear o código de barras da lata ou botella de plástico que queren reciclar antes de tiralo ao cubo. Unha vez na rúa, cando acudan ao contedor amarelo coa súa bolsa de envases, deben depositala alí e escanear o código QR que hai no contedor.

Ao utilizar os contedores amarelos os usuarios obterán puntos, denominados Reciclos, que poderán cambiar polas distintas recompensas que teñan dispoñibles. Estes puntos terán un límite semanal co fin de que os cidadáns non só reciclen máis e mellor os seus envases, senón que consuman de forma responsable.