Skip to main content
Lugo

A área de Benestar recupera a actividade nos centros cívicos do rural fomentando a inserción laboral de colectivos vulnerables

Por 14 Setembro, 2022Sin comentarios

Regresa a animación sociocultural aos centros sociais das parroquias. A concellería de Benestar que dirixe Olga López Racamonde retomará o servizo de información e atención nestas dependencias pulando, ao mesmo tempo, pola integración laboral de colectivos vulnerables.

Así, a Xunta de Goberno Local outorgará ao centro especial de emprego Combina Social a execución deste contrato, que terá unha duración dun ano, prorrogable por outros dous. A licitación, que suporá un investimento municipal de 61.133 euros, permitirá desenvolver a actividade nos centros de San Xoan de Campo, Calde – San Pedro, Coeses, Saa, Santa María de Bóveda, Santa Comba e Rubiás, nos que se impartirán diferentes contidos de dinamización.

O Executivo de Lara Méndez recupera, por tanto, a programación cultural nos núcleos dunha forma permanente, “logo da pandemia que, durante meses, nos obrigou a manter pechadas estas instalacións e afectou ao aforo permitido, condicionando, alén, a oferta de programación”, lembrou a edil.

“Toda vez superadas esas limitacións, agora, estamos en disposición de mellorar a prestación, posibilitando a apertura dos locais sociais de acordo ás necesidades que nos trasladou a veciñanza á que tamén lle achegaremos interesantes propostas de ocio que redundarán na súa saúde e benestar”, sinalou Olga López.