Skip to main content
Lugo

Continúa a formación á cidadanía sobre o manexo de desfibriladores en setembro

Por 15 Setembro, 2022Sin comentarios

O Goberno de Lara Méndez, a través da Concellería de Benestar Social continúa no mes de setembro coa formación no manexo de desfibriladores que ven realizando desde que incorporou os primeiros equipos na cidade para que “a cidadanía adquira coñecementos para saber actuar ante unha situación de emerxencia cardiovascular xa que a primeira intervención pode ser o factor crave para salvar vidas”, tal e como sinalaba a rexedora.

“En Lugo iniciamos unha estratexia de creación de espazos cardioprotexidos baixo o nome ‘Lugo con Corazón’, para a que destinamos preto de 150.000 euros”, lembraba a rexedora, agradecendo á cidadanía que nestes meses pasados participara nas xornadas porque con esta formación a nosa cidade “será máis segura”. Ademais de apuntar que, con esta iniciativa podemos presumir de ser “a cidade máis cardioprotexida do noroeste peninsular ao triplicar o cociente español destes soportes vitais” ao tempo que anima a que todos e todas as veciñas de Lugo sexan parte activa do programa Lugo con Corazón para axudar na reanimación ante unha parada cardíaca”.

A formación, que deu comezo no mes de xuño inclúe xornadas de 4 horas de duración, impartidas por un equipo integrado de monitores e instrutores de soporte vital con certificado de capacitación, grazas a un convenio de colaboración asinado pola concellería de Benestar, que dirixe a edil Olga López, coa Cruz Vermella.

As clases inciden en aspectos como a identificación dunha parada cardiorespiratoria; manobras de reanimación cardiopulmonar básica; que é un DEA?; quen pode empregalo?; que necesitamos saber?, así como no funcionamento do equipo DESA, que inclúe unha parte práctica.

Para asistir, a cidadanía só debe acudir aos espazos e para poder participar, non é necesaria a inscrición previa. A formación terá lugar das 16.00 ás 20.00 horas os seguintes días, nas seguintes ubicacións:

  • 16 e 17 de setembro. Caudal Fest (das 17.00 ás 20.00 horas)
    20 de setembro. Campo Castelo
    28 de setembro. Campus Universitario