Skip to main content
CastroverdeLugo

Novos petroglifos atopados en Lugo e Castroverde

Por 16 Setembro, 2022Sin comentarios

O Colectivo Patrimonio dos Ancares ven de documentar tres novas penas con petroglifos. Atopáronse dous grupos na parroquia de Santo André de Barredo, concello de Castroverde, nos montes da Pena Branca e da Sarna, a unha altitude de 652 e 683 metros respectivamente. Na parte horizontal dunhas penas graníticas localizáronse dúas combinacións de círculos concéntricos con coviña central e varias cazoletas circulares.

O terceiro grupo documentouse no Monte da Medorra, a 700 metros de altitude, na parroquia de Labio, concello de Lugo, case no límite coa parroquia de Barredo, en Castroverde. Trátase dunha combinación de círculos concéntricos con coviña central e tres cazoletas de moi boa factura que, ao contrario dos de Castroverde, non están moi erosionadas polo paso do tempo o que permite velos con facilidade.

Teñen unha antigüidade aproximada de 4.000 anos, sendo unha das manifestacións artísticas máis peculiares e enigmáticas da prehistoria de Galicia. Canto ao que representan e dada a diversidade onde aparecen, terían un significado simbólico-relixioso de difícil interpretación onde se representaría algún tipo de ritual, delimitadores de espazos sagrados ou máxicos.

Dende o ano 2013 o colectivo Patrimonio dos Ancares leva documentados nestes dous concellos 12 grupos (5 no de Castroverde e 7 no de Lugo).