Skip to main content
Lugo

A mesa de contratación do San Froilán vén de aprobar a adxudicación das casetas do polbo

Por 16 Setembro, 2022Sin comentarios

A concelleira de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua, Maite Ferreiro anunciou que a Mesa de Contratación vén de rematar a revisión da documentación presentada polas distintas empresas de hostalería interesadas en xestionar as casetas do San Froilán 2022. Ferreiro asegurou que “Lugo volverá contar coas tradicionais casetas do polbo”, e explicou que “unha vez rematado o traballo da mesa de contratación, a adxudicación das casetas seguirá o procedemento que marca a lexislación ata a sinatura dos contratos coas distintas empresas”.

A caseta e o caldeiro número 1 adxudicáronse por 9.924,50€ e 6.278.93€ ao hostaleiro Juan Antonio Pazo Baranda. A adxudicación do número 2 corresponde a José Carpintero González, que presentou unha oferta de 8.892,05€ para a caseta e 5.611€ para o caldeiro. O número 3 foi adxudicado por 9.000,08 e 5.949,11 (caseta e caldeiro), ao empresario Ignacio Rodríguez Carballeira. A caseta número 4 foi adxudicada por 8.200€ xunto co caldeiro por 5.150 a Lenda do Quercus S.L.

Maite Ferreiro lembrou que, por acordo da Comisión de Festas, manterase o prezo dos productos nas casetas, conxelado desde o ano 2016. Deste xeito, as persoas que visiten as casetas do polbo durante este San Froilán poderán consumir cada ración de polbo (250g) a 12€, a ración de pan e de cachelos (200g) a 1,50€ e a botella de viño (3/4l) a 6€