Skip to main content
Lugo

Lara Mendez mantén un encontro cos veciños de Paradai

Por 23 Setembro, 2022Sin comentarios

Lara Méndez mantivo un encontro coa veciñanza de Paradai para trasladar os avances que se levan acadado nas iniciativas que impulsa o Executivo local nesta parte da capital para modernizala. Así, a alcaldesa debullou algúns dos aspectos da próxima construción da Estación Intermodal, dentro da que se vai habilitar un paso soterrado que mellorará a conexión dos barrios da contorna e transformará a súa configuración, “rompendo co illamento que, durante décadas, supuxo a vía do ferrocarril”.

“Unha obra á que o Concello non quixo renunciar, debido á relevancia que ten en clave municipal para a seguridade da cidadanía e a integración urbana das zonas que comunica, que finalmente costearán o Concello e ADIF ante a negativa da Consellería de Infraestruturas a colaborar na súa financiación”, lembrou Lara Méndez.

A obra do paso inferior peonil de uso libre redundará na permeabilidade transversal urbana e suporá a intervención e mellora da zona comprendida entre a Praza Conde Fontao, a rúa Alta e o parque do Sagrado Corazón onde, segundo indicou Méndez, se actuará no viario e nos accesos rodados tendo en conta as necesidades de infraestruturas de servizos, accesibilidade, seguridade viaria e fluidez de tráfico.

A rexedora avanzoulle tamén ás persoas asistentes que a vindeira semana o equipo de Goberno levará ao Pleno unha proposición coa que instará a toda a Corporación a interpelar á Xunta de Galicia para que finalice o Plan Paradai, 23 anos despois de asinarse o convenio de cooperación para acometelo.

Neste senso, avanzou que o Concello e a Confederación investirán 650.000 euros nunha actuación que reducirá o risco de inundación do río Rato en situación límite na contorna da glorieta da rúa de Serra de Meira. Desta maneira, dase unha solución aos problemas da rotonda que une Serra de Meira co vial da ponte de Paradai, obra que foi executada no 2015 pola Xunta de Galicia sen autorización e que a Confederación paralizou por non ser legalizable.

“Agora, queremos que o Goberno autonómico se posicione con claridade sobre a vontade que ten de rematar un proxecto que resulta crucial para o desenvolvemento da cidade logo de que unha representante do Partido Popular en Lugo anunciara, este verán, que a Administración autonómica ía desistir do proxecto porque non lle daba réditos políticos, despois de que cada ano a Xunta incluía nos seus orzamentos 500.000 euros que nunca executa”, engadiu Méndez.

A alcaldesa lucense aproveitou a xuntanza para escoitar as inquedanzas das e dos residentes cos que se deu cita, precisamente, nun dos novos espazos que o Goberno de Lara Méndez vén de humanizar: a área de descanso na confluencia de Río Sil, Hórreo e Lucas Ferro Caaveiro e á que se destinaron preto de 50.000 €.

A actuación súmase a outras xa realizadas, como o arranxo do gran banco de 14 metros de lonxitude situado na parte inferior desta praza, e precederá a outras previstas como a creación dun novo enclave para o ocio e a convivencia interxeracional que incluirá unha zona de xogos infantís.

“Seguimos traballando no obxectivo de que os espazos públicos se convertan, pola súa confortabilidade e atractivo, nunha extensión dos nosos fogares, fomentando ademais a querenza e o sentimento de pertenza aos barrios, dunha maneira receptiva ás peticións que nos achega a poboación e co propósito de mellorar a súa calidade de vida, ben de maneira directa ou axilizando todas aquelas intervencións privadas que contribúan ao mesmo fin”, subliñou Lara Méndez en alusión á recente urbanización e ensanche do treito da Quinta de Pérez onde converxen as rúas Otero Pedrayo e Río Sil que, á marxe de facilitar o tránsito peonil, permitirá a construción dun novo complexo residencial.

Antes de rematar, a rexedora desexoulle á veciñanza de Paradai unas felices festas, aproveitando que as celebracións do barrio dan comezo hoxe.