Skip to main content
Lugo

Tomé clausura as Xornadas Penitenciarias e sinala que as redes de trata son unha das lacras máis graves da sociedade

Por 28 Setembro, 2022Setembro 30th, 2022Sin comentarios

O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, clausurou este martes pola tarde no Salón de Actos do Pazo de San Marcos as XXXVI Xornadas Penitenciarias Lucenses, organizadas pola asociación penitenciaria Concepción Arenal, e que nesta edición, baixo o título Abolición da Escravitude do século XXI, centrouse na trata de nenas e mulleres con fins de explotación sexual e na prostitución.

José Tomé Roca sinalou que para a institución provincial “é un orgullo acoller unha cita coma esta, plenamente consolidada como un referente nos estudos xurídicos e no debate sobre temas de fonda repercusión social”, e deu os parabéns á asociación penitenciaria Concepción Arenal pola súa traxectoria e pola organización desta cita, que leva 36 edicións reunindo a poñentes de primeiro nivel.

“Na Deputación temos un compromiso claro coas políticas de igualdade como elementos transversais que deben vertebrar toda a acción política”, dixo o Presidente, que relatou que entre outras medidas a institución provincial impulsou o primeiro Plan de Igualdade de Oportunidades entre Mulleres e Homes, “como unha ferramenta de modernización que nos axude a garantir unha estrutura interna e unhas relacións coa sociedade guiadas pola igualdade de xénero”.

Puxo sobre a mesa José Tomé que a violencia contra as mulleres “persiste na nosa sociedade” e “adopta formas variadas: violencia no seo das relacións de parella; violencia amparada no anonimato das redes sociais, como ocorreu cos vídeos da Maruxaina; ou violencia infrinxida polas redes de tráfico de persoas e a prostitución”.

O mandatario provincial denunciou que “as redes de trata de nenas e mulleres con fins de explotación sexual son, sen dúbida, unha das lacras máis graves das sociedades contemporáneas. Non podemos avanzar cara un futuro mellor como sociedade se toleramos que perviva canda nós unha forma de escravitude que emprega a violencia e a extorsión para manter sometidas ás mulleres”. Citou tamén a Concepción Arenal cando consideraba a prostitución como “o máis horrible dos males” para as mulleres.

“Non queremos seguir tolerando unha situación de violencia e explotación que lle nega a dignidade ás mulleres, e que aproveita circunstancias como a raza, a pobreza, o descoñecemento do idioma, ou a condición de inmigrante, para afondar na desigualdade e engadirlle un plus insoportable de violencia”, dixo Tomé Roca, que amosouse convencido do papel de foros deste tipo, que serven “para impulsar un debate imprescindible e conseguen apórtanlle ó lexislador elementos para avanzar no bo camiño, para a abolición desta auténtica escravitude do século XXI”.

As xornadas remataron este martes coa conferencia da escritora, oradora, formadora e conferenciante Paula Fraga.