Skip to main content
Axenda CaducadaLugo

A IV Xornada Iuslaboralista terá lugar o próximo 7 de outubro

Por 28 Setembro, 2022Outubro 7th, 2022Sin comentarios

O Deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera Capón, e o presidente do Colexio de Graduados Sociais de Lugo, Manuel Núñez Carreira, presentaron este mércores a IV Xornada Iuslaboralista, un encontro que se celebrará no Pazo de San Marcos o vindeiro 7 de outubro. A institución provincial colabora coa organización do encontro, que reunirá a expertos de primeiro nivel para abordar a reforma laboral impulsada polo actual Goberno do Estado.

Rivera Capón salientou a importancia de abordar un tema de interese e de actualidade como é a reforma laboral. “Vanse debater cuestións como a suspensión temporal do contrato como alternativa ao despido, a situación na que quedan os contratos por obra ou afondar máis sobre a negociación colectiva”, detallou. “Contamos, coma sempre, con expertos de primeiro nivel, como é o caso de María Emilia Casas, presidenta emérita do Tribunal Constitucional”, engadiu. Esta colaboración da Deputación súmase a outras que a institución provincial vén desenvolvendo co Colexio Oficial de Graduados Sociais. “Algunhas coma esta son de carácter divulgativo, pero outras teñen un marcado carácter social, como o convenio para prestar asesoría laboral gratuíta a colectivos desfavorecidos, parados de longa duración ou, dende máis recentemente, refuxiados da guerra en Ucraína”, detallou Rivera Capón.

Ás 9.45 terá lugar a recepción de participantes e entrega de documentación para dar comezo ás 10.00 coa inauguración da xornada a cargo da alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, o presidente do Colexio Oficial de Graduados de Lugo, Manuel Núñez, e o presidente do Consello Xeral de Colexios Oficiais de Graduados Sociais de España, Ricardo Gabaldón.

A charla  A suspensión do contrato de traballo como alternativa á súa extinción con Juan José Fernández Domínguez, Catedrático de Dereito do Traballo e da Seguridade Social da Universidade de León, e técnico superior en Prevención de Riscos Laborais terá lugar ás 10.15. A seguinte conferencia da mañá será ás 11.15  co nome de A suposta desaparición do contrato de obra ou servizo determinado, con Jesús Martínez Girón e Alberto Arufe Varela, catedráticos de Dereito do Traballo e da Seguridade Social pola Universidade da Coruña

Ás 12.15 haberá unha pausa para continuar ás 12.45 con A negociación colectiva a cargo de María Emilia Casas Baamonde, Catedrática Emérita do Dereito do Traballo e da Seguridade Social da Universidade Complutense e presidenta Emérita do Tribunal Constitucional.

O acto de clausura será ás 13.45 e contará con José Tomé Roca, Presidente da Deputación de Lugo, Verónica Martínez Barbero, Directora Xeral de Traballo do Ministerio de Traballo e Economía Social, e Manuel Núñez Carreira, presidente do Colexio de Graduados Sociais en Lugo.

As persoas interesadas en asistir poden anotarse en secretaria@graduadossocialeslugo.com ou chamando ao 982 211 503.