Skip to main content
Axenda CaducadaLugo

XuvenCiencia celebra o seu primeiro campus para profesorado en outubro

Por 29 Setembro, 2022Outubro 15th, 2022Sin comentarios

O grupo de innovación docente XuvenCiencia da USC celebrará os días 14 e 15 de outubro na Escola Politécnica Superior de Enxeñaría un campus para profesorado de ensino medio ao abeiro do proxecto Convivio de ciencia. Esta iniciativa está liderada pola profesora da Facultade de Veterinaria Marta López Alonso e que vén de recibir o respaldo da Fundación Española para la Ciencia y la Tecnología (FECYT) do Ministerio de Ciencia e Innovación na  convocatoria de axudas para o fomento da cultura científica, tecnolóxica e da innovación.

Estruturado en tres sesións presenciais, programadas ao longo de dúas xornadas, o campus de profesorado Convivio está inspirado na experiencia acadada tras organizar durante dez anos campus científicos nos que participaron máis dun milleiro de adolescentes de Galicia, España e Portugal.

Neste caso, o profesorado de ensino medio inscrito, ao que tamén se lle ofrece manutención e aloxamento, no caso de non residir en Lugo, terá a oportunidade de mergullaranse nun proxecto científico a partir dun dos sete kits de experimentación XuvenCiencia.

Os contidos do Campus Convivio, que computará para o profesorado como unha actividade de 12 horas presenciais máis 7 non presenciais, xiran arredor de tres bloques temáticos, tal e como son o método científico e a práctica investigadora na aula, as metodoloxías e ferramentas para a realización de proxectos de investigación e as metodoloxías e ferramentas para a presentación de estudos científicos. A achega destes novos recursos educativos impártese a través do Programa de Formación Permanente que lle ofrecen os Centros de Formación e Recursos (CFR) da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria ao profesorado de ensino medio de toda Galicia.

O profesorado participante recibirá, ademais da formación en metodoloxía investigadora, o kit de experimentación que elixa para o seu centro. Polas súas  características, os dispositivos creados por XuvenCiencia poden ser útiles para impartir diversas materias de ESO, BAC e FP básica, ciclos medios e superiores. Asemade, as prestacións destes kits resultan tamén acaídas para STEMBach e clubs de ciencias e para tratar aspectos educativos transversais, sinalan desde este grupo de innovación docente.

O proxecto contempla a creación dunha rede de cultura científica integrada polos institutos e colexios dos docentes participantes, que terán o cometido de deseñar un proxecto co seu alumnado a partir da formación recibida no Campus Convivio e empregando o kit XuvenCiencia como ferramenta. Os mellores destes proxectos serán presentados nun simposio que se celebrará en Lugo na primavera de 2023. Ata esa cita, a Rede Convivio manterase viva grazas a sesións mensuais, de carácter informal ou telemáticas, a imaxe dos lean coffees , que servirán para estreitar ligazóns cos centros e tamén a xeito de titorías virtuais.

A posta en marcha dunha revista científica virtual na que se irán expoñendo as investigacións, o desenvolvemento do proxecto e os seus resultados, será a cuarta parte deste proxecto Convivio de Ciencia. Daquela, o Magacine Convivio, permitirá ao alumnado ver como os seus proxectos son postos en valor e tidos en conta, ao ser publicados nunha web en aberto para a comunidade educativa e o gran público.