Skip to main content
Axenda CaducadaMonterroso

O Desafío San Miguel consolídase na Ulloa entre as probas de bicicleta de montaña co apoio da Deputación

Por 16 Setembro, 2022Setembro 18th, 2022Sin comentarios

O Desafío de San Miguel volve á comarca da Ulloa este domingo, 18 de setembro, cunha quinta edición que consolida esta cita no panorama das probas galegas de bicicleta de montaña. A presentación tivo lugar no Pazo de San Marcos coa participación da Deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto, o presidente do club ciclista San Miguel de Monterroso, Xosé Antón Soengas, e outros membros da agrupación organizadora.

Máis dun centenar de persoas participarán nesta cita. “Dende a Deputación de Lugo estamos convencidos de que existe unha importante relación entre o deporte e o turismo”, sinalou a Deputada. García Porto comentou que é a razón pola que desde a institución provincial “estamos apoiando dun xeito especial aquelas accións e actividades que apostan polo turismo activo e o turismo deportivo, xa que son verdadeiros polos de atracción de visitantes que valoran as nosas paisaxes, que lles gusta desfrutar do medio ambiente e que se deixan seducir polos marabillosos recunchos da nosa xeografía grazas ao deporte”.

“O deporte ten un efecto multiplicador de alcance transversal. O deporte, coma este Desafío San Miguel co que colabora a Deputación, é un aliado excelente da promoción do territorio e do turismo. Un reclamo que atrae visitantes á zona e que, polo tanto, axuda a fomentar a actividade da hostalería, do turismo e do comercio local”, engadiu a Deputada, que animou a todas as persoas a participar nesta proba que pode conquistar de igual xeito a deportistas e afeccionados ás bicicletas.

O Desafío San Miguel comezará ás 9:30 horas da mañá do domingo e contará con dous percorridos: un longo e un curto. A ruta longa será de 48 quilómetros con 1.100 metros de desnivel positivos acumulado, e a curta será de 36 quilómetros en 700 metros de desnivel positivos acumulados. O percorrido cambiará en relación cos doutros anos e despois da proba haberá entrega de premios e servirán uns pinchos na Cúpula de Monterroso.