Skip to main content
A Pobra do BrollónBóvedaMonforteMonterrosoO IncioO SaviñaoPantónParadelaPortomarínSarriaSober

A Volta a Galicia pasará este venres por comarcas lucenses coma Monterroso, Sarria, O Incio ou Monforte

Por 13 Setembro, 2022Setembro 14th, 2022Sin comentarios

A Volta a Galicia pasará por varias comarcas do sur lucense que acollerán a segunda etapa este venres día 16.

Taboada acollerá a saída e meta da proba que pasará por Monterroso, Portomarín, Paradela, Sarria, O Incio, Bóveda, A Pobra de Brollón, Monforte, Sober, Pantón, O Saviñao e Chantada.

O Club Ciclista Cidade de Lugo aglutinará a representación lucense na proba, que reúne os mellores ciclistas das categorías Sub-23 e Elite.

As comarcas de Chantada, A Ulloa, Lemos e Sarria acollerán este venres a segunda etapa da XX Volta a Galicia, co patrocinio da Vicepresidencia da Deputación de Lugo.

O deputado de Deportes, Efrén Castro, acompañado por representantes da Federación Galega de Ciclismo, representantes municipais,  membros do club ciclista Túzaros BTT Taboada e da Asociación de Comerciantes e Industriais do Municipio de Taboada, presentaron a proba na Praza de Riazón de Taboada, onde se situará a saída e meta do percorrido.

O trazado deseñado para esta segunda etapa da Volta a Galicia conta con 163,3 quilómetros e percorrerá estradas dos concellos de Taboada, Monterroso, Portomarín, Paradela, Sarria, O Incio, Bóveda, A Pobra de Brollón, Monforte, Sober, Pantón, O Saviñao e Chantada.

A proba iniciarase ás 12.00 horas cunha volta neutralizada polo núcleo de Taboada.O percorrido conta con dous portos de terceira categoría, no Alto de Paradela e en Santa Mariña (Pantón), e un de segunda categoría, en San Pedro de Líncora (Chantada), que os ciclistas coroarán tras pasar por Belesar e que pode marcar o desenlace da etapa, a máis longa das catro da volta galega. En Sarria e Sober situaranse cadansúa meta volante.

Efrén Castro encadra o apoio á proba na aposta que “desde a Vicepresidencia da Deputación facemos por consolidar o ciclismo como práctica deportiva e tamén como ferramenta para dinamizar económica e socialmente as comarcas” e explica que “o percorrido desta segunda etapa da Volta a Galicia supón un escaparate para as comarcas do sur, que se presentan como un escenario ideal para acoller non só probas federadas senón tamén rutas de cicloturismo e adestramentos durante todo o ano”.

A vicepresidencia da Deputación de Lugo achega 10.000 euros para a organización da etapa lucense da Volta a Galicia,  un escaparate para ciclistas das categorías Elite e Sub 23, que preparan o salto ao ciclismo profesional. Nesta vixésima edición, con outras tres etapas en distintos puntos de Galiza, participan 18 equipos, entre eles o Eolo Kometa, que conta con algúns dos corredores máis destacados destas categorías. Entre os 10 equipos galegos que compiten na Volta destaca a presenza do Cidade de Lugo, que aglutina a participación lucense.