Skip to main content
Monforte

O concello de Monforte axudará aos clubes deportivos nos campionatos nacionais e internacionais

Por 26 Setembro, 2022Setembro 28th, 2022Sin comentarios

Vén de anunciarse a posta en marcha dunha nova liña de axudas que contribuirá a que os clubes deportivos monfortinos, poidan acudir ás distintas competicións nacionais e internacionais durante este 2022 (concretamente ata o 14 de outubro).

O alcalde de Monforte de Lemos, José Tomé Roca, afirma que “Conscientes do bo momento polo que está a atravesar o deporte monfortino, onde son varios os clubs que se clasifican para participar en campionatos de España, de Europa e mesmo do mundo, e conscientes tamén do esforzo económico que isto supón para os club implicados, dende o Equipo de Goberno poñemos en marcha unha nova liña de axudas dirixidas a sufragar gastos pola participación de clubs de Monforte en Campionatos de España, de Europa e do mundo durante o ano 2022”, afirma o rexedor.

Trátase dunha liña de axudas que se concederá polo procedemento de concorrencia non competitiva ós clubs que cumpran co requisito de ter participado no Campionato de España, de Europa ou do mundo no ano 2022, sen necesidade de que as solicitudes se comparen entre elas.

Deste xeito, este procedemento permite que aos clubs se lles conceda unha cantidade fixa en función dos campionatos nos que se participe.

“Esta convocatoria”, explica o alcalde, “ten por finalidade o fomento e a promoción do deporte monfortino no seu ámbito deportivo e competitivo e para elo destinamos un crédito de 12.000 euros”.

As bases da liña de axudas foron publicadas no Boletín Oficial da Provincia de Lugo o 20 de setembro, polo que o prazo de presentación de solicitudes finalizará o 14 de outubro de 2022.

SOLICITUDES

Os interesados poderán presentar ata tres solicitudes de subvención, sempre e cando sexan pola participación en campionatos de diferente ámbito xeográfico ou territorial (España, Europa, mundial). No caso de que un club participe en varios campionatos do mesmo ámbito xeográfico ou territorial, poderá presentar unha única solicitude.

Os beneficiarios poderán solicitar as subvencións reguladas na presente convocatoria, ás asociacións e clubs deportivos legalmente constituídos que estean inscritos no Rexistro Municipal de Asociacións Deportivas, que teñan a seu domicilio social no Concello de Monforte de Lemos e que cumpran unha serie de requisitos que se poderán consultar chamando ao concello de Monforte no teléfono 982 40 25 01, na páxina web https://sede.monfortedelemos.es/ ou cunha mensaxe ao seu perfil de redes sociais.

José Tomé conclúe destacando a importancia destas novas axudas “nunha cidade na que contamos cunha excepcional canteira de deportistas que destacan en moitas disciplinas e que sitúan a Monforte nun lugar elevado dentro da elite deportiva galega, nacional e internacional”.