Skip to main content
Monforte

Monforte acollerá en outubro un curso ponte de aplicador de produtos fitosanitarios

Por 27 Setembro, 2022Setembro 28th, 2022Sin comentarios

A Axencia Galega da Calidade Alimentaria, dependente da consellería do Medio Rural, ten previsto celebrar do 3 ao 20 de outubro no Centro de Formación e Experimentación Agroforestal (CFEA) de Monforte de Lemos, un curso ponte para adquirir o nivel cualificado do carné de aplicador-manipulador de produtos fitosanitarios.

Esta formación será semipresencial e celebrarase en horario de tarde (de 16.00 a 20.00 horas).

A Axencia Galega da Calidade Alimentaria, a través da formación non regrada e dentro do Plan de formación continua 2022, ten como obxectivo formar axeitadamente aos usuarios e operadores de fitosanitarios, tanto con clases teóricas online como con prácticas presenciais, para que teñan o coñecemento adecuado das pragas e enfermidades, dos medios de control e, deste xeito, poidan facer un uso sostible dos fitosanitarios. Ademais, busca que os alumnos empreguen de forma axeitada as proteccións ante os riscos derivados do uso deste tipo de produtos, tendo en conta a eficiencia na xestión dos recursos naturais e a preservación e mellora do ecosistema.

Cómpre lembrar que a Consellería do Medio Rural conta cun plan de accións formativas e de transferencia para este ano 2022 que pode consultarse no seguinte enlace: https://ovmediorural.xunta.gal/gl/consultas-publicas/accions-formativas. Precisamente nesta páxina pode atoparse o curso referido e facer a preinscrición en liña cubrindo os datos necesarios. O coordinador porase en contacto coas persoas interesadas a través do correo electrónico comunicándolle se están ou non admitidas. Para consultar calquera dúbida, pode chamarse ao teléfono 982 889 103, ou enviarse un correo a ceca.monforte@edu.xunta.gal.