Skip to main content
Comarca RIBEIRASACRAXA

Os labores de mantemento no encoro dos Peares obrigan a suspender rutas polo Miño

Por 9 Setembro, 2022Setembro 10th, 2022Sin comentarios

Téñense previsto realizar a partir do próximo mes no encoro dos Peares, labores de mantemento no selo inferior das comportas da súa presa. O que provocará a suspensión das rutas polo Miño a partir de outubro.

A empresa Naturgy Generation SLU, titular dunha concesión para o aproveitamento de auga no río Miño con destino á produción de enerxía eléctrica, será a encargada de executar este proxecto.

Isto imposibilita que as embarcacións que cobren a ruta fluvial en catamarán polo Miño, que parte do Saviñao, poidan navegar con seguridade, polo que a institución provincial vese na obriga de suspender este servizo a partir do día 9 de outubro, quedando operativos os catamaráns polo Sil, que saen do embarcadoiro Ponte do Sil, en Monforte de Lemos.

A Deputación porase en contacto coas persoas que xa fixeran a súa reserva na ruta polo Miño dende o 10 de outubro ata finais de ano, informándoas da situación e facilitándolles alternativas como adiantar a data da viaxe ou realizar a ruta polo Sil.

O percorrido polo Miño funcionará con normalidade ata o 9 outubro, momento no que quedarán interrompidas as viaxes. En concreto, en setembro o servizo funcionará durante toda a semana, con viaxes de luns a domingo. En outubro funcionará as fins de semana dos días 1 e 2 , e do 8 e 9.

No caso da ruta polo Sil, en setembro haberá rutas de luns a domingo, en horario de mañá, tarde e noitiña. A partir do 1 de outubro e ata a ponte de decembro pasarán a funcionar de mércores a domingo con dúas viaxes por día, a excepción da ponte de Todos os Santos, que haberá servizo tamén o 31 de outubro e o 1 de novembro.

Para información e reservas, as persoas interesadas poden dirixirse á web https://reservas.rutasembalses.es