Skip to main content
ChantadaComarca AMARIÑAXAO IncioRiotorto

Voluntarios de Protección Civil recibirán formación da Academia Galega de Seguridade Pública

Por 2 Setembro, 2022Sin comentarios

A Academia Galega de Seguridade Pública (Agasp) ofrecerá preto de 30 cursos de formación para persoal das agrupacións de voluntarios de protección civil en municipios como O Incio, Chantada, O Vicedo, Riotorto e Mondoñedo, segundo recolle o Diario Oficial de Galicia.

Trátase de seis cursos descentralizados básicos e de 16 de formación continua, así como doutros seis de náutica para a licenza de navegación que se desenvolverán ata decembro con carácter presencial e en liña.

Convócanse por unha banda 150 prazas do curso básico de Protección Civil, dirixido aos novos voluntarios e pola outra, máis de 340 distribuídas en distintas actividades formativas de segundo nivel. A estas súmanselle 120 da titulación náutica.

En canto ao contido da formación continua, figuran prevención e loita contra incendios urbanos e forestais, accidentes na estrada, desfibrilación externa semiautomática, busca de persoas desaparecidas e tripulación en embarcación para preventivos acuáticos.

Os lugares da provincia de Lugo nos que se desenvolveran estes cursos son O Incio, Chantada, O Vicedo, Riotorto e Mondoñedo, a parte doutras zonas distribuídas por toda a comunidade. Pódense presentar as solicitudes ata o 30 de setembro.

Coa convocatoria destes case 30 cursos descentralizados a Agasp quere dar resposta á alta demanda inscrita ao tempo que facilita a asistencia ás persoas interesadas. Para participar en calquera deles fai falla formalizar as solicitudes a través da páxina web da Academia https://agasp.xunta.gal/es

Trátase de accións enmarcadas no plan formativo deste año da AGASP, co que se reforza a formación presencial achegándose a cifras anteriores á pandemia, ao tempo que se segue a apostar pola preparación en liña e a descentralización formativa.

A Xunta aposta pola prevención como mellor ferramenta de resposta ante as posibles emerxencias e realiza unha importante inversión en apoio ao mantemento dos servizos de emerxencias e na dotación de equipamento, tanto das AVPC e dos GES cunha importante inversión de máis de 22 millóns de euros nos últimos anos, así como colaborando no financiamento anual dos GES e dos consorcios provinciais e comarcais de bombeiros.