Skip to main content
Chantada

As vivendas para vítimas de violencia de xénero de Chantada tiveron moi boa acollida dende a súa apertura

Por 12 Setembro, 2022Sin comentarios

As vivendas para mulleres vítimas da violencia de xénero de Chantada foron utilizadas desde a súa apertura en 2020 por un total de 20 mulleres e 14 menores. A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, vén de visitar este recurso (apoiado pola Xunta de Galicia nos anos 20, 21 e 22 con máis de 415.000 euros) concibido como paso previo ao acceso a unha casa de acollida.

Nas vivendas de Chantada proporciónase ás vítimas, e ás súas fillas e fillos menores, apoio, aloxamento, manutención e atención integral. “Garánteselles un espazo de protección e de recuperación, de transición, antes de acceder a unha casa de acollida”, destaca a secretaria xeral.

A cifra de persoas usuarias destes fogares viuse mantendo ao longo dos anos. En 2020, pasaron polos mesmos 7 mulleres e 8 menores. En 2021, 7 nais e 3 fillas ou fillos. No primeiro semestre deste ano, o número incrementouse ao contabilizarse só entre xaneiro e xuño un total de 34 persoas usuarias, 20 mulleres vítimas e 14 menores.

Neste 2022, os centros de acollemento, situados nas localidades da Coruña, Vigo, Ourense, Ferrol, Lugo, Burela e Chantada, contan cun total de 84 prazas.

Tal e como remarca López Abella, “estes recintos ofrecen apoio residencial e temporal e atenden e contribúen á recuperación das mulleres vítimas de violencia de xénero e menores ao seu cargo”. Ofrécenlles un espazo de protección coa garantía dun tratamento integral que presta atención a aspectos de carácter psicolóxico, educativo, sociolaborais e xurídicos, co obxectivo de favorecer a normalización da situación persoal, da unidade familiar e, en definitiva,  a superación dos efectos da violencia.

Desde 2009, un total de 3.274 persoas (1.799 mulleres e 1.475 menores) foron usuarias dos centros da Rede de Acollemento para vítimas da violencia de xénero. Entre 2009 e 2022, a Xunta terá destinados más de 4,8 millóns de euros a garantir o funcionamento e a continuidade destes recursos que considera imprescindibles para rachar coa situación de violencia e emprender unha vida autónoma.