Skip to main content
Monforte

Monforte organiza o xogo “Busca a Bolboreta”, dentro da Xornada Europea da Cultura Xudía

Por 2 Setembro, 2022Sin comentarios

O concello de Monforte conmemora esta fin de semana a Xornada Europea da Cultura Xudía-Renewal con novas actividades.

Deste xeito, o Equipo de Goberno organiza para hoxe e maña o xogo Busca a Bolboreta.

Este xogo, ideado pola Red de Juderías de España, consiste en situarse diante dunha bolboreta situada na fachada da Oficina Municipal de Turismo de Monforte (rúa Comercio 6) e facerse  unha foto nun photocall.

A continuación, hai que seguir as instrucións do enlace contido nun código QR para poder participar no concurso convocado pola Red. Os participantes poderán optar a conseguir diferentes premios.

VISITAS GUIADAS

O municipio lucense organiza varios encontros pola zona de ámbito xudeu con saída dende a Oficina Municipal de Turismo que terán lugar ás 11.30 e ás 18.00 horas.

Esta actividade intégrase dentro do programa do Verán Cultural organizado polo Equipo de Goberno do concello de Monforte. As visitas correrán a cargo do investigador monfortino Felipe Aira, sendo estas gratuítas e cunha duración de hora e media.

As prazas para realizar as visitas son limitadas, polo que será preciso inscribirse previamente na Oficina Municipal de Turismo.

A temática da Xornada Europea da Cultura Xudía proposta pola Red de Juderías para este ano 2022 en 35 países europeos foi Renacer (Renewal), un concepto entretexido en moitos aspectos da vida e a práctica xudías, como o é no sentido de recuperación do pasado.

Un concepto que permite seguir as pegadas e a memoria naqueles lugares onde houbo presenza xudía, e que a pesar da súa desaparición conserva aínda na actualidade unha herdanza e un patrimonio sen o cal non seriamos capaces de entender o presente, e cuxo legado, de xeración en xeración, constitúe un tesouro fundamental na transmisión da identidade.