Skip to main content
Monforte

Monforte acolle o mércores o espectáculo de maxia de Lore Lavand

Por 5 Setembro, 2022Sin comentarios

Este mércores 7 de setembro, o concello de Monforte celebra un novo espectáculo de maxia enmarcado no ciclo Galicia Ilusiona, un Festival de Ilusionismo que pretende levar a maxia e a ilusión por toda Galicia.

Deste xeito, a partir das 21.00 horas, a praza de España acollerá unha Gala de Maxia coa actuación da maga Lore Lavand, para todos os públicos e con entrada gratuíta.

Lore Lavand é unha artista arxentina que mestura a maxia, o humor e o teatro. Unha ilusionista capaz de achegarse ao público para xerar unhas experiencias máxicas totalmente inesquecibles.

Se as condicións metereolóxicas impiden celebrar o espectáculo na praza de España, este realizarase no salón de actos da Casa da Cultura.

Esta actividade está organizada polo Concello de Monforte, e conta coa colaboración da Xunta de Galicia, dentro do programa do Xacobeo 2021-22.

A ARTISTA

Lorena Lavandera, nace no ano 1979 na cidade de Tandil, no centro da Provincia de Bos Aires (Arxentina).

O seu pai, ilusionista, era coñecido no mundo coma René Lavand e sementou nela un amor sen límites cara as diferentes artes.

“Foi el quen me ensinou que pode crearse un momento de total felicidade tan só escoitando o cantar dos paxaros. Para el, esa era a definición da palabra maxia”, afirma Lorena.

Pero non foi ata o ano 2006, o que ela mesma califica coma o máis importante da súa vida, cando o seu pai convidouna a acompañalo nunha xira por España e Portugal. Nesta viaxe o seu pai presentoulle a un dos seus anfitrións, o ilusionista Rafa, que rematou por converterse no marido de Lorena.

Mudáronse a España e a súa vida volveu a estar ligada de novo á arte, aos espectáculos e a aprender distintas disciplinas. Ao saír a un escenario por primeira vez decatouse de que iso facíaa feliz e que era o que quería facer o resto da súa vida.

Animada pola súa familia e amigos, lanzouse entón a cumprir o seu soño: amosar a súa visión da arte dende as táboas dun escenario.