Skip to main content
Monforte

A mostra Castelao grafista (facsímile) pódese visitar xa en Monforte

Por 6 Setembro, 2022Setembro 7th, 2022Sin comentarios

A exposición na que se reflicte a evolución tanto do compromiso ético coma social ou político de Castelao, estará dispoñible ata o vindeiro 7 de outubro no Espazo+60 Afundación de Monforte. En horario de luns a venres, de 10.00 a 13.00 e de 16.00 a 20.00 horas.
Ao acto de inauguración asistiron o alcalde de Monforte, José Tomé Roca, en compañía de Óscar Rodríguez, coordinador institucional de Abanca en Lugo, Carlota Álvarez González, coordinadora do Espazo+60 Afundación de Monforte, a coordinadora institucional de Afundación en Lugo e Ourense, Beatriz Fernández-Anguiano, a primeira tenente de Alcalde, Gloria Prada, o Concelleiro de Obras, Medio Rural e Servizos, José Luis Losada, e a concelleira de Cultura, Marina Doutón.
A exposición, conta con pezas procedentes das coleccións de arte de Abanca e Afundación. O alcalde destaca, na súa intervención, a súa satisfacción porque Monforte acolla a obra “dun dos máis importantes intelectuais galegos da nosa historia, un verdadeiro humanista, dado que foi caricaturista, debuxante, ilustrador, columnista, escritor, pintor, escenógrafo, ensaísta, historiador, etnógrafo, teórico e político.”
José Tomé amósase coñecedor da súa faceta como político, “xa que todos os anos participo na ofrenda floral que lle facemos en Rianxo o día 25 de xullo, o día do Apóstolo e tamén o día de Galicia”.

O rexedor monfortino agradece a colaboración existente entre o Concello de Monforte é Afundación Abanca, “unha colaboración constante e intensa na que nos une unha motivación común: a aposta e o compromiso polo mundo da cultura e da arte. E exposicións do nivel e calidade como a que inauguramos hoxe, confirman este compromiso común.”
“Animo ós veciños de Monforte a que neste mes de setembro visiten este espazo expositivo de Afundación Obra Social Abanca e se mergullen nesta coidada mostra artística, que recolle as diferentes técnicas e linguaxes empregadas por Castelao, que se plasman a través de debuxos, retratos fotográficos, caricaturas, ou portadas de revistas e libros do propio artista”, conclúe o alcalde monfortino.

Castelao grafista (facsimile), estará dispoñible ata o 7 de outubro en Monforte. Esta exposición enmárcase na iniciativa Cultura por alimentos que Afundación leva a cabo en colaboración con Fesbal (Federación Española de Banco de Alimentos) e que pretende achegar alimentos de primeira necesidade aos bancos de alimentos locais. A entidade invita aos visitantes a colaborar con esta iniciativa a través da doazón de alimentos non perecedoiros ao visitar a mostra.
A exposición, que conta con pezas procedentes das coleccións de arte de Abanca e Afundación, componse dunha escolma rigorosa de obras nas que se reflicte a evolución tanto do compromiso ético, social e político do artista rianxeiro, como dos seus recursos plásticos e a súa querenza pola ilustración. O seu interese pola palabra e pola imaxe consolidouse nas colaboracións que, a partir de 1924, empezou a publicar en medios como Galicia, Faro de Vigo ou Vida Gallega, nas que a ilustración e o texto reflicten a ácida crítica dun Castelao cada vez máis comprometido. Esta forma de arte e denuncia acabaría articulando obras tan relevantes como Cousas da vida (1930) e os álbumes de guerra Galicia mártir (1937), Atila en Galicia (1937) e Milicianos (1938).
No ano 1945, tras case unha década vivindo no exilio, Castelao rematou o que sería considerado como o seu testamento pictórico, A derradeira lección do mestre, unha tea na que se retoma unha ilustración de guerra elaborada en 1937. Nela, Castelao funde ilustración e pintura en homenaxe ás mestras e mestres asasinados tras o golpe de Estado de 1936.
A mostra reúne facsímiles da Colección de Arte Afundación e debuxos do álbum Cousas da vida de Castelao, dos que pertencen á Colección de Arte Abanca. Ademais, poderanse ver retratos fotográficos, caricaturas, debuxos e portadas de revistas.