Skip to main content
Monforte

O concello de Monforte oferta actividades deportivas e cursos de natación para o período 2022 – 2023

Por 7 Setembro, 2022Sin comentarios

Dende hoxe mércores día 7 de setembro abrirase o prazo de inscricións nas Escolas Deportivas Municipais de Monforte para solicitar praza nas actividades que o Concello organiza durante o curso 2022-2023.

A oferta deportiva divídese en actividades para nenos e nenas (entre os 6 e os 15 anos) e actividades para adultos/as (a partir de 16 anos). Nas actividades para nenos e nenas destacan o golf, o pádel, o kung fu e a disciplina de zumba infantil e entre as seleccionadas para os adultos hai ximnasia de mantemento, tai chi, ioga e zumba.

A actividade de cada unha das modalidades deportivas dará comezo no mes de outubro de 2022 e prolongarase ata finais do mes de maio de 2023, completando así un total de 8 meses lectivos.

O custe por modalidade e alumno/a e de 92,70 euros por todo o curso, cunha bonificación do 50% para aquelas persoas que pertenzan a familia numerosa.

Todas as persoas interesadas en inscribirse nalgunha das actividades ofertadas o poderán facer presentando a documentación establecida no Rexistro Municipal do Concello, de xeito presencial, ou a través da sede electrónica municipal.

O prazo de solicitudes estará aberto entre o 7 e o 23 de setembro. Entre o luns 26 e o venres 30 de setembro publicarase na páxina web do concello a listaxe de admitidos e admitidas nas actividades, que se confeccionará por rigorosa orde de presentación das solicitudes. Se unha vez finalizado o prazo de inscrición se da o caso de que quedan prazas vacantes, se poderán seguir presentando solicitudes ata esgotar as prazas ofertadas.

Para a prestación do servizo de cada unha das modalidades deportivas ofertadas será necesario que a porcentaxe de inscritos na actividade acade, como mínimo, o 25% das prazas ofertadas.

O número total de prazas ofertadas dentro do programa de escolas deportivas é de 283 repartidas do seguinte xeito:

Nas actividades para nenos e nenas: 18 prazas para golf, 30 prazas para pádel, 15 prazas para kung fu e 20 prazas para zumba infantil. E nas actividades para adultos/as: 80 prazas para ximnasia de mantemento, 40 prazas para tai chi, 60 prazas para ioga e 20 prazas para zumba.

A documentación a presentar é a seguinte: o modelo de solicitude normalizado SER-DE-125, unha fotocopia do DNI do solicitante (no caso de que este sexa menor de idade precisará fotocopia do DNI do pai, nai ou titor/a) e no caso de familia numerosa copia do título de familia numerosa expedido polo órgano competente.

NATACIÓN

Na piscina climatizada municipal o Equipo de Goberno oferta un número importante de cursos e actividades. En total 220 prazas repartidas en 22 grupos.

Os cursos de natación organízanse en tres trimestres e darán comezo a principios de outubro. Os cursos ofertados serán os seguintes: bebés con nenos a partir de 6 meses (3 grupos), infantil: con nenos a partir de 3 anos (6 grupos), nenos/as con cativos a partir de 6 anos (5 grupos) e o grupo de adultos/as con nenos a partir de 13 anos (6 grupos).

Cada un dos cursos ten unha carga horaria de 2 clases á semana, de 45 minutos cada unha. Tamén se van a ofertar 2 grupos de ximnasia acuática cunha carga horaria semanal de 2 clases de 45 minutos.

Tódalas persoas interesadas en matricularse nalgún dos cursos que se ofertan na Piscina municipal poderano facer a partir das seguintes datas: os socios/as da piscina a partir do 19 de setembro e os que non o sexan a partir do 22 de setembro.

Para recibir máis información sobre os cursos ofertadas no piscina pódese acudir ao propio centro, chamar ao teléfono 982 402 646 ou enviar unha mensaxe ao correo electrónico piscina.monforte@tragsa.es