Skip to main content
Monforte

O Polígono do Reboredo, en Monforte, acolle á empresa Kern Pharma

Por 12 Setembro, 2022Setembro 14th, 2022Sin comentarios

O alcalde de Monforte, José Tomé Roca, participa na presentación do proxecto de Kern Pharma para o Polígono industrial de O Reboredo de Monforte de Lemos.

No acto de presentación deste importante proxecto para Monforte, ademais do alcalde, participaron o presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, o vicepresidente e Conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, o presidente do Grupo Indukern, José Luis Díaz-Varela, e o vicepresidente executivo do Grupo Indukern e presidente de Kern Pharma, Raúl  Díaz-Varela.

O proxecto consolidouse e chegou a bo fin tras 5 anos de xestións e negociacións do alcalde monfortino cos responsables do Grupo Indukern. Neste senso, José Tomé sinala “hoxe é un día especial para o Concello de Monforte, porque estas xestións teñen un final feliz, que van permitir que se materialice nunha nova planta de inxectables de Kern Pharma no Reboredo”.

As negociacións entre o rexedor municipal e os responsables do Grupo Indukern e Kern Pharma, incluíron visitas destes a Monforte, así como reunións de traballo en Barcelona así coma nos laboratorios deste grupo farmacéutico.

INVESTIMENTO

Este proxecto industrial suporá a atracción dunha importante inversión de máis de 33 millóns de euros, “que vai seguir potenciando e consolidando o auxe do Polígono Industrial de O Reboredo”, destaca o alcalde.

José Tomé agradece o compromiso e a implicación dos responsables do Grupo Indukern e Kern Pharma con Monforte, cidade natal de José Luis Díaz-Varela, “unha empresa referente no sector a nivel nacional e internacional, que vai crear un bon número de postos de traballo directos e que vai axudar a dinamizar a zona”.

O alcalde anuncia o compromiso dos responsables do Grupo Indukern e de Kern Pharma de facer un acto explicativo deste proxecto en Monforte, e engade que “estou convencido de que isto non vai ser un feito illado e que en breve, coñeceremos novas iniciativas que van impulsar a Monforte e ó interior de Galicia, nunha comarca singular e excepcional como é a Ribeira Sacra”.

NOVA PLANTA

Está previsto que Kern Pharma, o laboratorio farmacéutico do Grupo Indukern, inice no primeiro trimestre de 2023 a construción dunha planta de produtos inxectables en Monforte de Lemos. Esta nova fábrica lle permitirá triplicar a súa capacidade de produción e crecer no mercado dos medicamentos éticos e xenéricos, tanto nacional como internacionalmente.

A nova planta suporá unha inversión inicial de 33 millóns de euros, que se destinarán á execución de toda a obra civil e á posta en marcha da primeira das catro áreas produtivas previstas: unha para ampollas (a primeira en entrar en funcionamento), outra para viais e dúas más dedicadas a proxectos de innovación. Ademais das zonas de fabricación, as instalacións contarán con laboratorios, área loxística e espazo de oficinas. Todas están deseñadas seguindo estándares de ecoeficiencia e sostenibilidade. En total, as instalacións ocuparán unha superficie de 14.000m2.