Skip to main content
Monforte

O concello de Monforte colabora na organización dunha Carreira contra o Cancro

Por 22 Setembro, 2022Setembro 23rd, 2022Sin comentarios

Monforte celebrará o vindeiro domingo 2 de outubro unha Carreira contra o Cancro organizada pola Asociación lucense en colaboración co concello de Monforte.

O Equipo de Goberno monfortino colabora activamente na organización desta carreira, tal e como indica a primeira tenente de alcalde Gloria Prada: “O concello colaborou coa Asociación contra o Cancro no deseño do percorrido da carreira, no que participaron tanto o técnico de deportes como a Policía Local. E tamén colaboraremos con persoal municipal o propio día da proba, tanto co control de tráfico por parte da Policía local como de axentes da cidadanía”.

Este evento deportivo e solidario celebrarase o domingo 2 de outubro ás 12.00 horas do mediodía, nun circuíto urbano de Monforte cun percorrido de 5 quilómetros.

A primeira tenente de alcalde anima aos veciños e veciñas a participar neste evento, cuxo prazo de inscrición permanecerá aberto ata o día 29 de setembro.

O prezo para a inscrición (que inclúe camiseta) é de 10 euros e os fondos recadados irán destinados á investigación na loita contra o cancro.

Tamén está dispoñible un dorsal cero para aqueles que non poidan participar pero que si queiran contribuír.

Esta carreira popular e urbana, é de carácter benéfico e contará con categorías masculina e feminina cun primeiro, segundo e terceiro premio para cada unha.

Tamén recorda Gloria Prada a colaboración constante do concello de Monforte coa Asociación Española contra o Cancro en Lugo, “a través da cesión dun local na cidade dende o que se atenden a enfermos e familiares relacionados con esta enfermidade, e dende o que esta Asociación desenvolve unha importante labor de investigación e asesoramento”.